Novas
-
Un total de 23 os equipos de 19 colexios e institutos participaron no lanzamento de satélites elaborados por parte de centros educativos galegos no marco da fase autonómica do programa da Axencia Espacial Europea Cansat 2024, que se desenvolveu no aeródromo das Gaivotas, en Cerceda. A xornada desenvolveuse arredor de tres actividades: un obradoiro de foguetes químicos e de auga impartida polo alumnado do Centro Público Integrado O Cruce (Cerceda), unha exhibición de drons a cargo de Aeromedia e o lanzamento dos satélites. O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, acompañou os alumnos nesta xornada.
-
Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
-
O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros.
-
O sector tecnolóxico galego xerou nos últimos cinco anos preto de 4.000 postos de traballo e pechou o 2023 con cerca de 23.000 empregos directos na Comunidade. O número de empresas tamén mantén un ritmo de crecemento constante nos últimos anos e suma 3.140, o que mantén á Comunidade no quinto posto da clasificación estatal. Son datos recollidos no informe do Observatorio da Sociedade da Información de Galicia (Osimga), 'O Sector TIC en Galicia 2023', publicado hoxe. O documento do Osimga, entidade adscrita á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, sinala que o volume de facturación do sector TIC galego creceu no 2022 preto dun 14%, o que supón 450 millóns de euros máis e un total de 3.697 millóns de euros facturados.
-
A Business Factory Aero, o programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas do sector aeroespacial, promovido pola Xunta de Galicia e xestionado pola Fundación CEL Iniciativas por Lugo, foi escollido pola Fundación de las Cajas de Ahorro (Funcas) e pola Universidad Rey Juan Carlos como a mellor Aceleradora en 2024 na categoría de Avanzadas. Este primeiro posto no ranking nacional supón un importante recoñecemento ao labor desenvolvido polo Goberno galego, no marco do Polo Aeroespacial de Galicia, para a retención e atracción de talento no sector e para a creación de emprego de alta cualificación na comunidade.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR), onde Galicia presentou 21 emendas a catro dos ditames sometidos a aprobación. Un dos máis relevantes para a comunidade foi o ditame sobre a ferramenta de facilitación transfronteiriza. Calcúlase que a eliminación do 20% das barreiras e obstáculos xurídicos e administrativos actuais entre rexións de fronteira na UE -entre as que se atopa Galicia, que conforma unha Eurorrexión xunto co Norte de Portugal- permitiría aumentar o seu PIB nun 2% e crear nelas ata un millón de empregos.
-
Galicia vén de recibir o ofrecemento para formar parte dunha rede europea de rexións destacadas pola implantación temperá da intelixencia artificial. A nosa comunidade presentou na capital comunitaria os avances da lei galega de intelixencia artificial, así como as principais actuacións que se están levando a cabo para a promoción desta tecnoloxía. No marco do eixo transversal da Estratexia Galicia Dixital 2030 que promove a especialización da nosa comunidade en tecnoloxías de alto impacto, a delegación galega reafirmou ante os representantes europeos a súa vocación de consolidarse como unha rexión de referencia en intelixencia artificial.
-
O Centro de Investigación en Nanomaterias e Biomedicina, CINBIO, da Universidade de Vigo é unha das nove entidades seleccionadas para participar no consorcio europeo Adaptation, financiado con 3,6 millóns de euros de axudas Pathfinder da Unión Europea e que ten como principal obxectivo a creación dos novos dispositivos que marcarán o futuro da enerxía solar. Farano inspirándose nos procesos naturais de xestión enerxética máis eficientes da Terra: a fotosíntese e o arrefriamento radiativo terrestre. O proxecto arrancou este mes e nel a participación viguesa chega da man Grupo de NanoBioMateriais Funcionais, FunNanoBio, dirixido pola catedrática Isabel Pastoriza Santos, quen explica que o seu grupo de investigación achegará a este proxecto toda a súa experiencia en Química Coloidal e Materiais.
-
O pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, unha rede de colaboración entre a Administración, os centros tecnolóxicos e de investigación, as universidades e o sector empresarial para sumar esforzos e avanzar no liderado de Galicia en tecnoloxías cuánticas, reuniuse en Santiago para definir o seu plan de actuación para os próximos meses. A Rede integra á Xunta de Galicia; ás tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG); ao Cesga; ao Clúster TIC, aos Hubs de Innovación Dixital DIHGIGAL e DATAlife; ao centro tecnolóxico Gradiant; ao Fujitsu International Quantum Center e ao Centro de Tecnoloxías Fotónicas (Aephos).
-
Este ano, o calendario chega con importantes novidades, entre as que destaca o regreso da Feira do Libro de Vigo ao centro, localizándose na praza de Compostela. Tamén se reforzarán todas as citas con maior variedade de eventos, contando con mesas redondas, presentacións, actividades infantís e debates, entre outras actividades. Baixo o título Atopa a túa Historia, a cita inaugural será en Ferrol, do 19 ao 21 de abril. A Feira do Libro de Santiago de Compostela celebrarase do 27 de abril ao 5 de maio; no Porriño será do 9 ao 12 de maio, e en Lugo do 13 ao 17 dese mesmo mes. Xa en xuño, Ourense acollerá a súa feira do dia 5 ao día 8, mentres que en Redondela será do día 13 ao día 16.