Novas
-
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, estará presente na quinta edición da feira BioCultura, que se celebrará durante esta fin de semana no recinto de EXPOCoruña. A Xunta colabora co evento coa organización de actividades vencelladas coa produción ecolóxica, ademais de apoiar a presencia de quince operadores galegos coordinados polo o Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), amosarán a calidade da produción ecolóxica con produtos lácteos, cárnicos, repostería ou conservas. Entre as actividades que promoverá a Axencia Galega da Calidade Alimentaria estará este fin de semana a presentacións de cociña con alimentos ecolóxicos, realizadas por cociñeiros de comedores escolares participantes na campaña “Come Local”.
-
O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou e moderou hoxe a primeira reunión de 2024 do ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas organizado mensualmente pola Fundación Galicia Europa (FGE). A sesión de hoxe centrouse na Global Gateway, a estratexia que aglutina os esforzos da Unión Europea por aumentar a súa presencia global mentres promociona valores democráticos compartidos e contribúe ao desenvolvemento dos seus países socios. Neste marco estratéxico presentado en 2021, o Equipo Europa -composto pola UE, os Estados membros, as axencias nacionais de desenvolvemento e o Banco Europeo de Inversións- pretende mobilizar preto de 300.000 millóns de euros ata 2030 para crear vínculos globais que impulsen o investimento en infraestruturas climáticas, enerxéticas ou dixitais.
-
O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal consolidouse en 2023 como espazo de referencia para o ecosistema galego da seguridade de información, coa incorporación de 10 grandes empresas e a realización ou participación en todo tipo de iniciativas de concienciación, promoción do talento e do coñecemento e prestación de servizos. Na actualidade, son xa máis de 50 as administracións, universidades, empresas e institucións que forman parte deste modelo de colaboración creado en 2020. Os responsables de CIBER.gal presentaron recentemente, ante a Asemblea do Nodo, a Memoria correspondente a súa actividade no 2023.
-
O conselleiro de Sanidade en funcións, Julio García Comesaña, participou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, no acto de lanzamento do proxecto ‘Innov4life’, o novo programa no que Galicia e Portugal colaborarán na procura de novas solucións dixitais para abordar as demencias e a dexeneración cognitiva. Así, mediante unha dotación económica de 1,5 millóns de euros (a través do Programa Interreg POCTEP) e unha duración de tres anos, o proxecto establecerá un LivingLab que contará con instalacións na cidade de Vigo e na Santa Casa dá Misericórdia de Riba de Ave (Portugal).
-
A Xunta pide a Bruxelas unha “maior concreción e ambición” nas medidas de apoio a agricultores e gandeiros, en referencia á reunión celebrada onte polos ministros europeos de Agricultura, e da que, tras lamentar non ter unha comunicación oficial por parte do Goberno central, polo que “puidemos coñecer polos medios saíron boas intencións, pero sen acordos lexislativos nin un cronograma de actuacións”. Así o manifestou esta mañá o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, nunha visita a unha explotación de vacún de carne en extensivo de razas autóctonas Cachena e Limiá situada no concello ourensán de Laza, na que estivo acompañado polo alcalde deste municipio, José Ramón Barreal, e a xerente e socia da granxa, Teresa Gayoso.
-
A economía galega medrou no ano 2023 un 1,8%, segundo se desprende do informe de contabilidade trimestral referente ao cuarto trimestre do ano pasado, publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE). Deste xeito, cúmprese a revisión á alza das previsións macroeconómicas feita polo Goberno galego o pasado mes de outubro, proba do realismo e a prudencia nas estimacións dos orzamentos autonómicos. Ademais, Galicia encadea xa tres anos de crecemento logo da pandemia. O informe mostra tamén que no 4º trimestre do ano, o PIB aumentou un 1,8% con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior e que en canto á evolución intertrimestral, a taxa do PIB autonómico situouse no 0,8%.
-
O sector marítimo-pesqueiro galego recolleu entre os anos 2020 e 2023 preto de 425 toneladas de lixo das costas galegas ao abeiro de 36 proxectos colectivos desenvolvidos no marco das convocatorias de axudas para accións de protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos. Estas accións promovidas desde a Consellería do Mar, que lidera en funcións Alfonso Villares, involucraron a arredor de 1.200 persoas e 145 embarcacións de confrarías e pescadores repartidas por toda Galicia. Supuxeron un investimento público de máis de 1,6 millóns de euros.
-
As trinta pemes innovadoras e/ou de base tecnolóxica participantes na segunda edición da aceleradora para a internacionalización Galicia Avanza presentaron esta mañá en Tecnópole os logros acadados ao longo dos dez meses que durou o programa. Esta iniciativa púxose en marcha en 2022 como resultado da colaboración entre a Consellería de Economía, Industria e Innovación -a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape)- e o Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). Desde entón, 60 pemes das catro provincias galegas participaron no programa.
-
A Xunta insiste ao Goberno central na necesidade de liderar en Bruxelas a petición dunha "moratoria inmediata" de toda a nova normativa comunitaria que está poñendo trabas burocráticas innecesarias ás explotacións que "están asfixiando aos agricultores e gandeiros". Así o advertiu esta tarde o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, na súa intervención, por videoconferencia, no Consello Consultivo de Política Agrícola para Asuntos Comunitarios, que estivo presidido polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas.
-
Investigadores do campus de Ourense, ligados á Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, realizaron un estudo de viabilidade dunha misión ao planeta Marte usando propulsión solar eléctrica, en contraposición coa propulsión química, que é o método empregado tradicionalmente no espazo. Nel demostran a súa superioridade e presentan un deseño preliminar completo dun satélite con este sistema eléctrico. O traballo foi publicado recentemente na revista Acta Astronautica nun artigo titulado Feasibility study of a solar electric propulsion mission to Mars e está asinado por Marco Casanova, Fermín Navarro e Daniele Tommasini (egresado e profesores respectivamente da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo).
- « primeira
- ‹ anterior
- 1
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- …
- seguinte ›
- última »