Novas
-
A Xunta de Galicia pide a Alcoa claridade sobre as súas previsións con respecto á planta da Mariña e demanda unidade e coordinación por parte das administracións e traballadores fronte á empresa para reclamarlle que cumpra cos compromisos adquiridos. A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, exixiu á empresa que clarifique “o seu plan de actuación, que concrete o plan de negocio para a factoría e que traslade ao Goberno central e á Xunta cales son as súas solicitudes e os apoios que precisa para reactivar e dar continuidade á actividade e á planificación acordadas cos traballadores”. Lorenzana advertiu de que a empresa ten que cumprir o acordo pois “na Xunta imos estar vixiantes e apoiar todo o proceso para garantir que os compromisos se cumpran”.
-
Galicia foi unha das primeiras rexións europeas en participar directamente nesta iniciativa. En 2019, a nosa comunidade acolleu unha visita de estudo de 11 funcionarios procedentes de Libia para compartir a experiencia e boas prácticas galegas no ámbito do procesamento de produtos mariños e a xestión das poboacións de peixes. De feito, un dos puntos destacados do evento foi a presentación do proxecto TAMSALL (acrónimo en inglés para Cara a un novo enfoque multinivel compartido para a gobernanza local de Libia), lanzado en 2021 no marco da Iniciativa Nicosia de cooperación libio-europea.
-
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria participará no proxecto europeo AgrifoodTEF (Testing and Experimenting Facilities), que ten como fin a incorporación da intelixencia artificial e tecnoloxías robóticas ao sector agroalimentario e forestal. A Axencia forma parte dunha iniciativa que, en total, mobilizará 60 millóns de euros nos próximos catro anos. Este orzamento está repartido entre nove Estados membro da UE (Alemaña, Austria, Bélxica, España, Francia, Holanda, Italia, Polonia e Suecia) con 30 entidades participantes.
-
Galicia recibirá inicialmente unha asignación de 25,2 millóns de euros no novo reparto territorial dos fondos europeos destinados a financiar diferentes liñas de axudas en materia de vivenda que se convocarán este ano. Tras asistir esta mañá á Conferencia Sectorial de Vivenda, Urbanismo e Solo que se celebrou en Madrid, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, explicou que a Xunta está de acordo coa distribución entre as comunidades acordada hoxe pero emprazou ao Goberno central a facer “un esforzo” e incrementar os fondos destinados a este eido.
-
O dispositivo despregado pola Xunta nas praias e no mar para a recollida dos pellets perdidos polo mercante Toconao en augas portuguesas permitiu recuperar ata o momento preto de 2.800 quilos deste material, o equivalente 111 sacos. A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo balance dos resultados obtidos ata a xornada de onte e salientou que desde o 10 de xaneiro tamén se retiraron dos areais máis de 6.000 quilos doutros plásticos asimilables a residuos urbanos.
-
Segundo os datos estatísticos do Informe anual de inserción laboral do alumnado de FP, que nesta ocasión analiza a situación dos estudantes que remataron os seus estudos no curso 2019-20 en Galicia, o 85,4% dos titulados de FP estaban traballando no período 2019-20, o que significa un crecemento do 0,8% con respecto ao último estudo publicado ata o momento relativo ao período 2017-18. No caso da FP Dual -onde os estudantes combinan formación académica con formación práctica nas empresas dos respectivos sectores-, a porcentaxe de empregabilidade acada o 97%.
-
O Consello da Xunta aprobou o Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno. Esta medida enmárcase no obxectivo de “tolerancia cero” ante calquera tipo de violencia e busca “previr, detectar e saber como actuar no caso de detectar algunha”. É o resultado dun proceso participativo coas achegas do Observatorio da Violencia de Xénero, do Observatorio LGBTIQ+, e das entidades representativas do sector que, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, fixeron as súas alegacións: a Federación de Hostelería de Pontevedra (Feprohos), a Federación de Asociacións Provinciais de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia (Fesdiga), a Asociación de Hostelería de Galicia e a Asociación Galicia de Noite.
-
O Foro Económico de Galicia, coordinado desde o campus de Ourense polo Grupo Governance and Economics Research Network (Gen), presentou este xoves en Santiago de Compostela o seu Informe de conxuntura socioeconómica IV/2023. Nel destacan que nun contexto de contracción económica na UE o crecemento da economía galega tamén amosa unha ralentización. Porén, engaden os seus autores, “as taxas de variación interanuais seguen a ser superiores ás dos principais socios comerciais galegos, agás Portugal”. Segundo o documento, o PIB galego medra un 1%, oito décimas inferior á media española, e en termos intertrimestrais a economía galega contráese un 0,3%, porcentaxe superior á estimada na zona euro e que contrasta coa suba do 0,3% en España.
-
A Xunta de Galicia intensificará a vixilancia das praias ante a posible chegada de máis pellets nos vindeiros días polo cambio das condicións marítimas, segundo informou hoxe a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez. Durante a reunión que mantivo esta tarde con técnicos de MeteoGalicia para analizar a evolución das correntes mariñas, á que tamén asistiron o subdirector xeral de Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e a directora de Instituto tecnolóxico para o control do medio mariño (Intecmar), Covadonga Salgado, avaliáronse as previsións meteorolóxicas e a súa incidencia no desprazamento do material vertido polo mercante Toconao en augas portuguesas. Nesa liña, a vicepresidenta segunda explicou que un cento de efectivos se unirán, nos próximos días, ás máis de 200 persoas do operativo medioambiental despregado pola Xunta.
-
A Xunta organizará no primeiro trimestre deste ano varias mesas de traballo abertas á participación de todos os membros da Alianza galega polo clima, para sentar as bases para establecer novas vías de colaboración e sinerxías na loita contra o cambio climático. Serán os primeiros encontros promovidos para favorecer o intercambio de experiencias, proxectos e iniciativas entre os aliados. Ano e medio despois da posta en marcha desta iniciativa para fomentar a colaboración entre axentes sociais e económicos e sumar o maior número de apoios en Galicia, chegou o momento de dar un paso máis e promover sinerxías entre os case 100 socios que suma.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 2
- 3
- 4
- 5
- 6
- 7
- 8
- 9
- 10
- …
- seguinte ›
- última »