Noticias
-
O turismo galego mantén ata outubro a senda do crecemento segundo se constata cos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística, que eleva a máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos nos 10 primeiros meses do ano que fixeron máis de 12 millóns de noites, o que supón incrementos do 6,5 % e do 5,9 %, respectivamente. Esta situación está a repercutir, ademais, desde o punto de vista económico, no sector como indican os índices de rendibilidade hoteleira que están incrementándose un 7 %, os datos máis altos desde que hai rexistros.
-
A Xunta traballa nunha solución para optimizar a captura de carbono e compensar as emisións da comunidade á atmosfera mediante a xestión sostible e activa dos sumidoiros naturais de carbono existentes no territorio galego a través do proxecto Solucións innovadoras para a compensación local de emisións de CO2 (SICLE-CO2). Esta iniciativa está a explorar as capacidades de colaboración público-privada para desenvolver fórmulas que permitan compensar as emisións de gases de efecto invernadoiro no ámbito galego.
-
Deste o xoves pola tarde e ata o vindeiro martes, Ourense acolle a celebración de Futurgal Summit 2023, unha cita na que participan máis de 50 especialistas. A través de experiencias de éxito e o coñecemento disruptivo, quere profundar en “ideas audaces e transformadoras para resolver os novos desafíos da sociedade e construír un futuro sostible e inclusivo”. As súas primeiras sesións estiveron dedicadas a diferente apoios que teñen as persoas emprendedoras para sacar adiante os seus proxectos. O evento está organizado pola Escola Superior de Enxeñaría Informática da Universidade de Vigo.
-
Esta análise desde a óptica macroeconómica e microeconómica do impacto que este tipo de medidas tería tanto sobre o propio sector, que podería ver facilitadas as súas ventas coa baixada do IVE, como sobre o conxunto da sociedade, que podería ver mellorada a renda dispoñible, simulouse cun cambio no tipo efectivo do 10% fixado pola lei para os produtos do mar ao 5%, á metade. Nesta investigación empregaron unha matriz de contabilidade social creada a partir da integración das Táboas Input-Output da Pesca e a Conserva Galegas 2019 elaboradas polos expertos da USC para a Consellería do Mar e das Táboas Input-Output de Galicia 2018 do Instituto Galego de Estatística (IGE).
-
A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na Comisión Operativa da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia que se celebrou en Santiago de Compostela, unha xuntanza á que, entre outros, asistiu o director territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia (ITSS), Demetrio Fernández. Na reunión aprobáronse os obxectivos e determinouse a actividade prioritaria a desenvolver pola Inspección de Traballo en Galicia ao longo de 2024.
-
O proxecto Aeroganp, liderado polo Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da UVigo e cofinanciado polo programa Interreg España-Portugal POCTEP, xa está en marcha. O seu obxectivo é crear unha rede de investigación aeroespacial na eurorrexión Galicia-norte de Portugal. O consorcio que o desenvolve está formado por 12 socios: as tres universidades galegas e as portuguesas de Minho e Porto, centros tecnolóxicos como Gradiant, ITG, Inesctec ou Ceiia, administracións públicas como a Axencia Galega de Innovación e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e o Consorcio Aeronáutico de Galicia.
-
A economía galega xa recuperou o PIB prepandemia no cuarto trimestre do ano 2021, tres trimestres antes que a media de España, segundo as contas económicas trimestrais do IGE como resultado da revisión das estimacións anuais do período 2020-2021 coas contas anuais, logo da xa realizada polo INE. En concreto, o PIB galego incrementouse un 7,6 % en 2021, 2,4 puntos máis do inicialmente estimado; e un 4,1 % en 2022, tres décimas superior ao estimado nun primeiro momento.Por outra banda, a economía galega medrou un 1 % no terceiro trimestre de 2023 en relación ao mesmo período do ano anterior, como se desprende da Información de Contabilidade trimestral publicada hoxe polo IGE. En canto á evolución intertrimestral, de xullo a setembro, foi do -0,3 %.
-
Foi inaugurado na Coruña o novo centro Galaxy Lab da Cidade das TIC, que será un dos campos de probas de vehículos aéreos non tripulados máis completos de Europa. O Galaxy Lab -financiado ao 50% pola Xunta e polo Instituto Tecnolóxico de Galicia- vai prestar servizo a empresas, campus ou centros de investigación de todo o mundo que precisen experimentar ou testar de forma segura os seus drons para transporte de mercadorías ou persoas. Os seus máis de 1.000 metros cadrados de superficie permitirán realizar adestramentos nun contorno real, e ademais este centro vai actuar como tractor para seguir atraendo investimentos tecnolóxicos á comunidade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello autorizou o inicio da tramitación do Anteproxecto de lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial (IA), que converterá 'Galicia na primeira rexión europea en regular por lei o uso' desta tecnoloxía. 'O obxectivo é garantir que os sistemas de intelixencia artificial que se utilizan na comunidade son fiables e respectuosos cos dereitos fundamentais das persoas', resaltou. A lei establecerá os principios éticos para o deseño, adquisición implementación e uso de sistemas de IA por parte da Administración baixo criterios de dilixencia, auditabilidade, explicabilidade, transparencia, imparcialidade, ausencia de nesgos, seguridade ou privacidade.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello acordou trasladar ao Goberno central unha petición formal para que se celebre unha nova Conferencia de Presidentes ante a “clarísima situación de desigualdade” na que queda Galicia respecto a outros territorios tras os acordos que sustentaron a investidura de Pedro Sánchez. Rueda lamenta o vivido na política española nas últimas semanas e asegurou que o seu deber como titular do Goberno galego é defender os intereses de Galicia fronte aos privilexios que están a recibir outros territorios.