A Consellería de Emprego destina 13.800€ á prevención da siniestralidade na Hostalaría Lucense
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/convenio_hosteleria.jpg)
A finalidade do acordo é promocionar a prevención de riscos e contribuir á formación e información dos empresarios do sector, co fin de que asuman con medios propios a organización preventiva das súas empresas. Con este obxecto, financiaranse catro xornadas técnicas sobre seguridade e saúde laboral que se celebrarán en distintas localidades da provincia ao longo do presente ano.
NORMATIVA VIXENTE
A normativa vixente sobre seguridade e saúde no traballo, constituída pola Lei de prevención de riscos laborais, oriéntase a garantir a seguridade e a saúde dos traballadores no ámbito laboral. A aplicación eficaz desta normativa require necesariamente o coñecemento das técnicas e accións preventivas axeitadas a cada situación de traballo.
Entre estas medidas, ten especial relevancia o coñecemento dos riscos e das medidas que poden evitalos, obxectivo que só pode acadarse por medio da información e a formación dos traballadores sobre seguridade e saúde. Nesta tarefa, as organizacións empresariais e sindicais deben desenvolver un papel protagonista e determinante, tal e como se desprende da súa autonomía para establecer e modular o marco das relacións laborais. É precisamente por este motivo que a Xunta considera de interese colaborar cos hostaleiros, de cara a mellorar os índices de sinistralidade no sector.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia