Asuntos Sociais colabora cos empresarios de Hostelería da Coruña, Pontevedra e Ourense na prevención da sinistralidade no sector
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/convenios_hosteleria.jpg)
A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña realizarán dúas xornadas técnicas en seguridade laboral para concienciar aos empresarios hostaleiros sobre a materia da prevención de riscos laborais. Ademais, desenvolverán un curso de nivel básico de 30 horas para facilitar aos participantes os coñecementos e actitudes necesarias para evitar a sinistralidade no traballo. A Asociación tamén porá en marcha dous cursos sobre riscos específicos no sector da hostalería. Estas actividades serán financiadas pola Consellería de Emprego con 18.000 euros.
En Pontevedra os empresarios do sector hostaleiro organizarán xornadas técnicas e cursos de nivel básico sobre prevención para o que contarán cunha achega da consellería de 13.800 euros. Coa mesma cantidade o departamento autonómico financiará os catro cursos de prevención de riscos laborais de nivel básico de 30 horas que desenvolverá a Federación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Ourense.
NORMATIVA VIXENTE
A normativa vixente sobre seguridade e saúde no traballo, constituída pola Lei de prevención de riscos laborais, oriéntase a garantir a seguridade e a saúde dos traballadores no ámbito laboral. A aplicación eficaz desta normativa require necesariamente o coñecemento das técnicas e accións preventivas axeitadas a cada situación de traballo.
Entre estas medidas, ten especial relevancia o coñecemento dos riscos e das medidas que poden evitalos, obxectivo que só pode acadarse por medio da información e a formación dos traballadores sobre seguridade e saúde. Nesta tarefa, as organizacións empresariais e sindicais deben desenvolver un papel protagonista e determinante, tal e como se desprende da súa autonomía para establecer e modular o marco das relacións laborais. É precisamente por este motivo que a Xunta considera de interese colaborar cos hostaleiros, de cara a mellorar os índices de sinistralidade no sector.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia