A Xunta promove o desenvolvemento cooperativo a través do Proxecto Equal Nexus-Rede
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/proxecto_nexus_rede.jpg)
A denominación exacta do proxecto é “NEXUS REDE: retos e desafíos para a adaptabilidade das cooperativas e o fomento da igualdade de oportunidades en sectores estratéxicos da economía galega”. Os seus obxectivos son mellorar a adaptabilidade das cooperativas e das persoas que as integran aos cambios económicos que conforman o novo marco competitivo empresarial. A iniciativa tenta potenciar a creación e mantemento do emprego de calidade e dunha maior estabilidade laboral, principalmente no que respecta a colectivos con especiais dificultades de acceso ao emprego.
INICIATIVAS
En concreto, tentarase mellorar a capacitación dos traballadores destas sociedades, familiarizándoos co uso das novas tecnoloxías da información. Na procura deste obxectivo, crearanse un centro de teleformación cooperativa e unha escola cooperativa móbil.
Ademais, potenciarase a expansión e diversificación das actividades cooperativas cara os sectores onde haxa oportunidades de negocio ou ben a fórmula cooperativa sirva para regularizar situacións de emprego sumerxido. Tamén se promoverá a cooperación entre sociedades, concretándoa no intercambio de experiencias e no uso compartido de recursos humanos e materiais.
Por outra banda, procurarase a adaptación de modelos de financiamento específicos para estas sociedades, o impulso da participación feminina nos órganos de goberno, a consecución de melloras relacionadas co respecto ao medio ambiente, a creación dunha rede de investidores privados e a posta en marcha dun portal en internet sobre negocios da economía social.
A agrupación de desenvolvemento, xestionada por AGACA, está composta ademais pola Universidade de Santiago, a Federación de Empresas Cooperativas SINERXIA, a Unión Galega de Cooperativas de Traballo Asociado (UGACOTA), a Asociación de Redeiras de Portosín e as consellerías de Emprego e Pesca.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia