Galicia pide unha estratexia común para defender os intereses da frota que faena no Gran Sol ante o acordo do brexit
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/pesca-azul.jpg)
Nesta liña, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu no importante peso que ten a comunidade autónoma galega no conxunto da actividade marítimo-pesqueira estatal. Un valor que se reflicte no feito de que Galicia posúe máis do 70% das cotas españolas en augas británicas e ademais ostenta a representación das comunidades autónomas españolas en materia pesqueira no Consello de Ministros de Pesca da UE.
Ademais a conselleira volveu trasladar a preocupación de Galicia sobre as consecuencias do acordo do brexit para o sector marítimo-pesqueiro trala cesión ao Reino Unido do 25% das posibilidades de pesca europeas por parte do Executivo comunitario a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio. Ao impacto directo na frota galega súmanse outros aspectos como que os buques británicos non se verán sometidos á Política Pesqueira Común nin a normativas como a obriga de desembarque.
Neste sentido, a representante do Executivo galego lembrou que, unha vez estean dispoñibles os informes que a Xunta encargou tanto sobre o impacto do brexit na actividade extractiva e a comercialización dos produtos pesqueiros como sobre as implicacións xurídicas para a pesca galega, os trasladará ao Goberno central co obxectivo de seguir defendendo os intereses do sector pesqueiro galego.
Outro dos asuntos abordados no Consello Consultivo foi o programa de traballo da Presidencia portuguesa no Consello da Unión Europea. En relación a esta folla de ruta, Galicia bota en falta máis protagonismo para os aspectos sociais e económicos do sector marítimo-pesqueiro tendo en conta o impacto da pandemia da covid-19 e do acordo do brexit. Galicia considera que é fundamental ter en conta estes aspectos pois inflúen no desenvolvemento socioeconómico da actividade. Nesta liña, a comunidade galega ve clave para o futuro do sector a consecución da remuda xeracional, de aí a importancia de que a Unión Europea ofreza apoios e alternativas para conseguir ese obxectivo.
R.