As exportacións galegas medran un 1,4% en febreiro, e ascende un 11,4% o número de empresas que exportan
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/empresa-exportacion.jpg)
Entre as industrias que están detrás do ascenso das exportacións en febreiro figuran a automoción, que incluso mellora os seus bos resultados de vendas internacionais de vehículos dos últimos meses, cun incremento do 34,6% con respecto ao mesmo mes de 2020; a conserveira, que medra un 16,6%; ou os metais e as súas manufacturas, cunha suba do 13,1%. Por países, destacan os incrementos das vendas a países europeos como Alemaña e Italia, con subas do 35,7% e o 18,8%, respectivamente, e asiáticos como China, cun ascenso do 22,6%, e especialmente Xapón, que incrementou as compras a compañías galegas nun 152%.
Galicia xa demostrou o ano pasado unha maior capacidade de adaptación ao contexto actual que a media estatal. Así, as vendas galegas ao exterior sumaron un total de 20.871,7 millóns de euros, o que supón quedar por cuarto ano consecutivo por enriba dos 20.000 millóns de euros. De feito, en 2020, as vendas ao exterior rexistraron o mellor segundo semestre da historia, cun incremento dun 4,5% con respecto ao período de xullo a decembro de 2019.
Así, as exportacións caeron en Galicia catro puntos menos que en España (-6% fronte a un
-10%). A balanza comercial galega foi a segunda mellor en termos absolutos, cun saldo positivo de 4.274,3M€, mentres que o saldo comercial estatal foi negativo en -13.422,1M€.
Convocatorias de axudas abertas
Para acompañar o traballo das empresas galegas, especialmente das pemes, no fortalecemento da súa presenza no exterior no actual contexto e contribuír a súa recuperación económica, a Xunta vén de reforzar para 2021 e 2022 liñas xa en funcionamento e activar outras novas. Así, nestes momentos están abertas as convocatorias de catro programas de axudas. É o caso do Galicia Exporta Dixital, que conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras, e do Foexga, plan desenvolto en colaboración coas cámaras de comercio para impulsar accións de internacionalización en máis de 20 países.
En canto aos apoios para que as compañías galegas exportadoras e importadoras poidan coñecer e adaptarse aos novos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea, as empresas interesadas poden solicitar ata o 17 de maio as axudas do Cheque Brexit, que conta cun orzamento dun millón de euros. Tamén está aberto o prazo de solicitude das axudas para a contratación de expertos en comercio exterior, que facilitarán a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e maiores de 45 anos en situación de desemprego grazas a unha dotación que ascende a dous millóns de euros.
R.