Sanidade limita a dez persoas as reunións nas terrazas da hostalería
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/hostaleria-terraza.jpg)
Así, adiantou que se trata dun modelo “dinámico, variable e onde terá moita importancia a presión asistencial de cada área”, detallando que se tiveron que axustar os criterios epidemiolóxicos á nova realidade, na que hai un número maior de poboación vacinada, moitos casos activos entre poboación máis nova, e tamén un novo patrón no perfil das persoas que ingresan pola covid.
Nesta mesma liña, o responsable de Sanidade informou que a obriga de presentar unha PCR ou test de antíxeno negativo -realizado nas últimas 72 horas- ou o certificado de vacinación completa, será extensiva dende o vindeiro martes día 20 de xullo aos locais de ocio nocturno que se ubican en concellos de nivel medio baixo.
No que atinxe á situación epidemiolóxica de Galicia, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, explicou que a incidencia na nosa comunidade a 7 días é de 142 casos (polos 258 da media nacional), e que a 14 días é de 210 casos (polos 437 da media española). Así mesmo, precisou que a taxa de positividade en Galicia é arestora do 6.09%, un punto por encima do límite recomendado pola OMS e case a metade da media española.
En canto á realización de probas diagnósticas, a responsable de Saúde Pública explicou que esta actividade continúa intensificándose e que, durante a pasada semana citáronse para os cribados a 41.000 persoas, acudindo o 41,5% das convocadas, e detectándose un total de 323 casos positivos. Neste senso, convidou a poboación máis nova a acudir aos cribados que se realizarán na presente semana, nos que se convocou a máis de 26.000 persoas.
Restricións por concellos
O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia provocada pola covid-19, acordou, na súa reunión de onte, o establecemento do nivel alto de restricións para os concellos de Ourense, Barbadás, A Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras.
Ademais, as medidas do nivel medio serán de obrigado cumprimento nos concellos de Culleredo, Porto do Son, O Carballiño, Ribadavia, Sarria, Sanxenxo, Poio, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Marín, Pontevedra, Redondela, Vigo, Caldas de Reis e Salceda de Caselas.
Os restantes concellos galegos permanecerán no nivel medio baixo.
Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado, 17 de xullo.
R.