O Parlamento de Galicia dá luz verde ao teito de gasto da comunidade autónoma para 2022, que ascende a 11.571 M€
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/parlamento-galicia-2021.jpg)
Sentenza do IVE de 2017
Galicia manterá a súa capacidade máxima de gasto grazas a que no 2022, a comunidade galega recibirá a mensualidade do IVE correspondente a 2017 que o Goberno central tiña que ter transferido no ano 2019 en cumprimento do sistema de financiamento autonómico. O Tribunal Supremo recoñeceu no mes de maio o dereito de Galicia a ser compensada pola mensualidade do IVE de 2017 –máis os xuros de demora- que o Executivo central se negaba a ingresar. “Ponse desta maneira punto e final á reivindicación xusta de Galicia que o Goberno central tan só asumiu tras unha sentenza xudicial”, apuntou o conselleiro.
Neste sentido, Valeriano Martínez subliñou que Galicia “liderou en 2018 a reclamación xusta do IVE”, e Galicia “liderou tamén a solución”, para que estes recursos retidos polo Goberno se transfiran en 2022 a todas as comunidades, acudisen ou non aos tribunais.
Orzamentos 2022
Durante a súa intervención, o conselleiro de Facenda e Administración Pública subliñou tamén que “grazas á estabilidade política e institucional que temos” Galicia terá un ano máis, en 2022, orzamentos.
Valeriano Martínez sinalou que a Xunta traballa cada día para que a recuperación económica e do emprego sexa o máis rápida posible e por iso “queremos ser dilixentes porque os orzamentos son a principal ferramenta para poder superar a pandemia e seguir reactivando a economía”, apuntou.
R.