Galicia crea emprego no último ano cun aumento das afiliacións dun 2,04% e o paro baixa máis dun 15% tras sete meses consecutivos de caída
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/emprego-almacen.jpg)
O desemprego, así mesmo, reduciuse nos últimos 10 meses nun -18,75%, superando en 2,5 puntos a baixada do Estado (-16,23%).
En canto ás afiliacións, o incremento do 2,04% no último ano sitúa a Galicia con 1.032.651 cotizacións á Seguridade Social, unha cifra superior á de hai 12 anos (outubro de 2009).
Con respecto ao mes pasado, o paro aumenta en Galicia nun 0,65%. Lado explicou que a subida do desemprego en outubro é habitual debido, entre outros factores, ao peche da campaña da vendima. De feito, o maior crecemento do paro tivo lugar na agricultura e na provincia de Pontevedra. Así, o resultado segue a tendencia rexistrada desde 1996, a serie histórica de datos. Lado apuntou que o incremento experimentado é o menor nun mes de outubro de toda a serie histórica, tanto en termos absolutos como relativos. Ademais, o paro baixou na construción (-0,69%) e no sector da industria (-0,14%), Tamén rexistrouse unha caída entre as mulleres (-0,32%).
En palabras de Lado, a recuperación do mercado laboral de Galicia, tras os peores meses da pandemia, é “unha realidade”, un feito avalado tamén polos últimos datos da EPA. “Galicia ten menos paro que no inicio da crise económica e somos a quinta comunidade autónoma con menor taxa de paro”, apuntou.
Ertes
En outubro, doutra banda, rexistráronse en Galicia 3.543 Expedientes de Regulamento de Emprego (Ertes) que afectaron a un total de 8.431 persoas traballadoras, o que supón un descenso con respecto a setembro do 14,34%. A evolución durante os meses que está a durar a pandemia resulta favorable, xa que neste período saíron dun Erte un total de 156.607 traballadores, o 94,89%. No Estado, a proporción de saídas é do 94,37%, o que significa que España conta cunha proporción menor de traballadores que saíron dun Expediente de Regulamento de Emprego.
Orzamentos 2022
A directora xeral sinalou que é tempo agora de adiantarse ás novas oportunidades laborais para seguir creando emprego. Para iso, explicou que os orzamentos de Emprego e Igualdade para 2022 son unhas contas expansivas con 380 millóns de euros para ofrecer oportunidades de mellora e de inserción laboral a quen peor o está pasando; e posibilitar ás empresas atopar perfís preparados e axeitados aos oficios que precisan. “Os orzamentos apostan por unhas oportunidades laborais inclusivas co obxectivo de romper a fenda de xénero e co foco posto no emprego xuvenil e feminino”, esgrimiu.
As contas de Emprego e Igualdade medran en 2022 nun 9,2%, dous puntos por enriba da media da Xunta. Destínanse máis recursos ca nunca á formación para o emprego, que eleva o seu orzamento nun 53,5% e as políticas activas de emprego contan con 147 millóns de euros, un 44,6% máis que en 2021 para apostar por novos programas centrados na muller, a mocidade, a inclusión, a transformación dixital, a economía social e o emprendemento no rural. De feito, destínanse 33,4 millóns de euros ao Plan Emprega Muller; 51,8 millóns ao plan Emprega Xuventude; 16 millóns para medidas de conciliación; e 35,5 millóns para as persoas con discapacidade e/ou en situación de risco de exclusión social. Ademais, máis de 2 millóns de euros destinaranse de xeito específico á promoción da igualdade laboral no tecido empresarial galego.
R.