Galicia traslada a Bruxelas que a frota galega deixaría de ser rendible coa posible eliminación das bonificacións aos combustibles na pesca
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/pesca_4.jpg)
En relación ao peor dos escenarios, destaca que incluso no segmento de frota que menor impacto rexistraría, que é o de artes menores, o beneficio anual, duns 15.700 euros, estaría por debaixo do salario medio bruto de Galicia, que é de preto de 22.200 euros. As frotas máis afectadas serían a de arrastre e palangre de altura e grande altura, que entrarían en perdas estruturais.
Este estudo, elaborado polo Grupo de Investigación en Economía Pesqueira e dos Recursos Naturais da Universidade de Santiago de Compostela dá conta ademais do peso que ten o combustible nos gastos derivados da actividade das distintas frotas, que varía entre o 20% no caso da pesca de baixura e o 44% no do arrastre, sendo a media do 30%. Segundo sinalou Rosa Quintana, unha maior presión fiscal sobre o combustible na pesca derivaría en feitos como o abandono da actividade, o seu desenvolvemento en pesqueiras máis próximas á costa ou na redución da velocidade, o que alongaría o tempo de chegada a porto e reduciría a frescura do peixe e o seu valor.
No ámbito xurídico, expuxo a conselleira, o informe incide, entre outros aspectos, na necesidade de que a regulación sobre a fiscalidade dos combustibles teña en conta a finalidade para que son empregados. Nesta liña, subliña que a pesca é unha actividade dirixida ao abastecemento de alimentos altamente nutritivos e cunha das máis baixas pegadas de carbono para a súa obtención. A maiores fai fincapé na importancia do level playing field e da coordinación deste tipo de normativas co fin de que non haxa solapamento entre as medidas da OMC e da UE ou doutras organizacións internacionais como a Organización Marítima Internacional (OMI). Esta análise foi realizada pola Fundación MarInnLeg.
En canto ao eido ambiental, o documento entregado hoxe aos representantes de distintos departamentos da Comisión Europea, recolle un estudo do Biogroup da Universidade de Santiago de Compostela. Esta parte salienta a necesidade urxente de comprender os impactos ambientais derivados de sistemas de produción pesqueiros e acuícolas para xestionalos mellor e promover un sector máis sostible. Neste sentido, recolle que o peixe ten a mellor relación entre a proteína que aporta en función da súa pegada de carbono. De feito, engadiu Rosa Quintana, unha dieta baseada en produtos do mar é fundamental para contribuír a unha alimentación saudable ao tempo que favorece a conservación do medio ambiente.
Defensa dos intereses de Galicia
Estas análises foron trasladas hoxe, ademais de á directora da DG MARE, a representantes das direccións xerais de Fiscalidade e Unidade Aduaneira (DG Taxud) e de Competencia (DG Competition). A estas xuntanzas súmase a mantida a pasada semana por videoconferencia entre a conselleira do Mar e o director da Dirección Xeral de Comercio da Comisión Europea (DG Trade), Ignacio García Bercero.
O obxectivo deste traballo, subliñou a conselleira do Mar, é advertir do posible impacto das propostas da OMC e CE para gravar máis o combustible profesional na pesca, o que poría en risco a rendibilidade e o futuro do sector pesqueiro galego. Neste sentido, expuxo, a comunidade galega busca que estas aportacións de Galicia sexan tidas en conta polas distintas institucións que participan nos debates e negociacións e sexan conscientes do impacto que as súas decisións poden ter no sector pesqueiro galego.
R.