O XXII Premio Aresa distingue o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/efa-fonteboa-2022.jpg)
Dacordo coas premisas establecidas nas bases da convocatoria do XXII Premio Aresa, o xurado valorou con especial atención as iniciativas e proxectos que contribúen a favorecer o desenvolvemento socioeconómico do medio rural, ao tempo que melloran a calidade de vida e o grao de benestar das persoas que viven nel, segundo indicou a vicepresidenta de Aresa.
O ditame do XXII Premio Aresa, unha decisión adoptada por unanimidade, segundo subliñou o reitor Antonio López, tivo especialmente en conta o labor de formación e capacitación profesional que desenvolve o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa desde a súa posta en marcha en 1975 no municipio coruñés de Coristanco.
A actividade que realiza a EFA Fonteboa é especialmente importante para facer fronte a un dos grandes problemas que está a rexistrar o medio rural galego, como é o caso da falta de relevo xeracional, salientou Antonio López, para logo cifrar en máis de 1.100 o número de estudantes graduados nos distintos programas de Formación Profesional Agraria que se imparten neste centro.
A maioría das persoas formadas na EFA Fonteboa están xa incorporadas como profesionais en explotacións agrarias e contribúen así ao fortalecemento do tecido económico e social dos concellos rurais, segundo puxo de manifesto o xurado do XXII Premio Aresa, que se referiu ao Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa como unha iniciativa social capaz de dar resposta ás necesidades de formación advertidas no medio rural.
Entrega do galardón
Unha vez publicado o ditame do xurado do XXII Premio Aresa, a cerimonia de entrega deste galardón desenvolverase o vindeiro 11 de marzo, a partir das 20.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo. O desenvolvemento desta gala, a través do que se busca recuperar o formato tradicional que de sempre caracterizou a entrega do Premio Aresa, podía rexistrar cambios en función da evolución da pandemia.
Méritos dos finalistas
Ademais de salientar os méritos da candidatura gañadora, os membros do xurado recoñeceron a calidade do resto de propostas presentadas: Proxecto de gandería extensiva de carne de vacún de Dolores Vázquez Carballés; Centro de Promoción Rural EPA Fonteboa; Tres Fuciños SCG; Muuhlloa; Timbersoul; Traloagro; Amarelarte; Consello Regulador da Denominación de Orixe O Cebreiro; Sistema comunal de xestión da Comunidade Montes Veciñais en Man Común de Couso (Pontevedra); Estratexia de loita ecolóxica fronte a praga da rata toupa; Carabuñas e Belacolmea. A calidade, a innovación e a cantidade de candidaturas presentadas ao XXII Premio Aresa dan conta da riqueza e da vida que agocha o medio rural de Galicia, dixo Carlota López.
R.