As estacións de servizo galegas contarán unha liña de financiamento para facer fronte ás rebaixas no prezo do combustible
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/gasolina.jpg)
Guldrís explicou que a Xunta inclúe esta medida dentro do Plan de Choque que aprobou para facer fronte ao actual contexto económico porque o Goberno central vén de poñer en marcha ese desconto sen facilitar un mecanismo de pagamento deses adiantos, o cal está a provocar ás gasolineiras un problema de liquidez.
Segundo concretou, trátase dunha liña de reavais por 60M€ que ten como obxectivo facilitar liquidez a todas as empresas galegas —entre elas, as estacións de servizo— para afrontar a alza no prezo de determinadas materias primas como os combustibles. A contía dos préstamos oscila entre os 3.000 e os 300.000€, coa bonificación do 1,5% no tipo de xuro.
No que se refire aos requisitos para acceder son: que o incremento do custo das materias primas estea por riba do 50% e o 20% no caso das gasolineiras; que o gasto en combustible e subministración enerxética supoña, como mínimo, o 25% da súa facturación do ano pasado; ou que se trate de empresas cunha exposición comercial nos mercados de Ucraína e Rusia.
Guldrís destacou a “predisposición e axilidade” tanto das Sociedades de Garantía Recíproca (SGR) como das entidades financeiras a formar parte desta colaboración e activar así esta iniciativa. De feito, en base a este convenio que a Xunta asinou esta mesma semana, vanse poder avalar, en total, operacións por un máximo de 80M€.
A contía restante (20M€) vai ser para outras tres liñas adicionais de reavais. Nunha delas, as estacións de servizo tamén se encontran entre as posibles empresas beneficiarias do chamado reaval funcionamento, que lles vai permitir acceder a pólizas de desconto de efectos, pólizas de crédito e instrumentos de circulante. No que respecta ás outras dúas, Guldrís explicou que están pensadas para apoiar investimentos produtivos, incluídos os de eficiencia enerxética, ou tamén para o acceso a avais de tipo técnico dos que adoitan ser necesarios para acceder a licitacións ou a distintos contratos comerciais.
O Director do Igape subliñou que a Xunta de Galicia pon en marcha estas catro liñas de avais complementarias, por 80M€ en total, para axudar aos sectores máis afectados pola suba do prezo da enerxía, os combustibles e a falta de materias primas; un problema que vén de hai meses agravado pola guerra en Ucraína. Faino, dixo, porque a actuación do Goberno está sendo insuficiente cando “ten moita marxe para, a través da fiscalidade, apoiar en maior medida o tecido produtivo e ser un apoio nun contexto de prezos enerxéticos que nos sitúan nunha contorna de pouca competitividade”, concluíu.
R.