Galicia aborda coa Comisión Europea a aplicación rexional dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/medio-ambiente.jpg)
A sesión contou coa participación de Laia Pinós Mataró, xefa adxunta de unidade na Secretaría Xeral da Comisión Europea, quen ilustrou o compromiso da Unión Europea coa Axenda 2030 e cos ODS, patente na presentación ante as Nacións Unidas, o pasado xullo, da súa primeira revisión voluntaria da aplicación dos Obxectivos.
A perspectiva galega foi ofrecida por Isaac Gómez Piñeiro, subdirector xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático. Desde a Xunta avalíase a posta en marcha da Axenda 2030 na comunidade. Galicia conta cunha comisión interdepartamental para o seguimento dos ODS e varias iniciativas de relevancia para implantalos, como a Alianza Galega polo Clima, unha oficina de coordinación do Pacto das Alcaldías ou unha futura Lei do Clima.
Encontros virtuais entre a Xunta e as institucións europeas
O ciclo de encontros FGE | NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente á Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar, de forma conxunta, as políticas impulsadas desde a UE. Organizado pola Fundación Galicia Europa dende setembro do 2020, fomenta o debate de multitude de temas da axenda comunitaria, como a Estratexia Industrial para Europa, o Pacto Verde ou a Axenda Dixital Europea.
R.