Los Presupuestos de Galicia para 2008 contemplan 500 millones de euros para el impulso de la economía y la competitividad
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/igape_presupuestos_08.jpg)
O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou que os Orzamentos de Galicia para o próximo ano destinarán preto de 500 millóns de euros ao impulso da actividade económica e da competitividade. En concreto, a dotación desta liña estratéxica acada os 497 millóns de euros que inclúen os programas do Igape e Xesgalicia (210 millóns de euros), e as actuacións sectoriais das distintas consellerías. O obxectivo final, segundo explicou, é reforzar as políticas que permiten impulsar o crecemento económico, a creación de emprego estable e de calidade, e a mellora da competitividade da economía galega. O conselleiro presidiu hoxe o consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), onde informou das liñas prioritarias da política empresarial e orzamentaria.
En relación aos instrumentos de apoio empresarial dependentes da Consellería de Economía e Facenda –Igape e Xesgalicia- Fernández Antonio sinalou como elemento central da estratexia a concentración de esforzos en tres áreas: a internacionalización; a ampliación e mellora dos instrumentos de financiamento empresarial; e o potenciación dos servizos de apoio ás empresas. Así, no ámbito do apoio á proxección exterior das empresas, o conselleiro subliñou accións como a potenciación dos Centros de Promoción de Negocios no Exterior; a intensificación dos vínculos empresarias con Latinoamérica; e a cooperación con institucións estatais e internacionais para aproveitar as sinerxias e complementariedades.
En segundo lugar, no ámbito do financiamento de proxectos empresariais, Fernández Antonio salientou a importancia das fórmulas baseadas en axudas reintegrables baseadas nun enfoque de compartir riscos cos empresarios. Ademais, lembrou as iniciativas xa en marcha con organismos internacionais como o Banco Europeo de Investimentos (BEI) e o Fondo Europeo de Investimentos (FEI), nos que Galicia é pioneira. Neste sentido, lembrou a colaboración co BEI no marco do Programa Jeremie, orientado a aumentar a eficacia na utilización de fondos comunitarios ao través de programas de financiamento empresarial que multipliquen os efectos dos recursos empregados; así como o convenio asinado co FEI para a análise da cooperación no impulso do capital risco.
Por último, no ámbito dos servizos ás empresas, o conselleiro destacou a importancia do apoio aos clústers empresariais, así como o reforzo da actividade de BIC Galicia en asesoramento e formación de emprendedores.
Por outro lado, na rolda de prensa posterior ao consello de dirección, Fernández Antonio valorou os resultados da Enquisa de Poboación Activa (EPA) do terceiro trimestre no que Galicia é a comunidade autónoma cunha maior caída no desemprego con 10.400 parados menos que no trimestre anterior. Segundo subliñou o conselleiro, a diminución da taxa de paro en 4,4 puntos porcentuais sitúa este rexistro no 6.7% “o máis baixo dende o último trimestre de 1981”. Neste sentido, engadiu, tense invertido a relación con España de tal xeito que a taxa de paro galega sitúase 1.3 puntos por debaixo da media estatal. Respecto do segundo trimestre de 2005, a poboación parada descendeu nun 37%.
A análise dos datos da enquisa revelan tamén máximos históricos en ratios como o da poboación activa feminina (un 44%), ou o de ocupación con 1.250.000 persoas, o que supón un incremento de cen mil ocupados respecto do segundo trimestre de 2005. Tamén nese período, acádanse bos resultados en canto á estabilidade no emprego cun aumento de 98.000 asalariados con contrato indefinido. “Oito de cada dez novos asalariados teñen un contrato indefinido”, subliñou o conselleiro, que tamén destacou que en 9 trimestres a poboación asalariada feminina con contrato indefinido aumentou nun 25,4%. Ademais, sete de cada dez empregos novos foron ocupados por mulleres.
R.