atlanTTic pon en marcha un ciclo de xornadas sobre tecnoloxía e igualdade
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/atlantic-20231205.jpg)
Esta primeira xornada, que terá lugar na sala 1 do edificio Miralles e que tamén poderá seguirse en directo a través de UVigo-TV, comezará ás 11.00 h coa presentación do evento a cargo de Martín Llamas Nistal, director de atlanTTic, e representantes da Universidade de Vigo, da Unidade de Igualdade e da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación.
Ás 11.20 horas comezará a mesa redonda que contará coa participación da catedrática Cristina Cuerno Rejado, directora da Escuela Técnica Superior de Ingeniería Aeronáutica y del Espacio da Universidad Politécnica de Madrid; Elena Beatriz Martín Ortega, coordinadora do Máster universitario en Enxeñaría Aeroespacial da UVigo; Yanina Hallak, CEO Co-fundadora de UARX Space; Laura Rodríguez Rodríguez, enxeñeira de telecomunicación de UVigo e Airbus Defence and Space, e Uxía García Luis, investigadora do grupo GTA de atlanTTic e primeira doutora en Enxeñaría Aeroespacial pola UVigo. A mesa redonda estará moderada pola investigadora e docente Edita de Lorenzo Rodríguez, enlace de igualdade de atlanTTic na UVigo. A continuación, para rematar a xornada, están programadas varias dinámicas de grupo e haberá tamén unha quenda para o debate e a reflexión sobre os asuntos tratados nas conferencias e outros relacionados.
Para participar na xornada é preciso inscribirse previamente no formulario dispoñible na web de atlanTTic, onde hai máis información sobre o programa do evento (https://atlanttic.uvigo.es/).
Actividades impulsadas polo Distintivo de Igualdade da UVigo
atlanTTic sumouse este ano á lista de centros que contan co Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo, distinción pola que se recibe financiamento para celebrar este tipo de xornadas de promoción activa e permanente da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes. As vindeiras sesións que está previsto realizar centraranse noutros ámbitos da enxeñaría e das tecnoloxías de telecomunicación, para o que se convidará a profesionais de distintos ámbitos tecnolóxicos.
Universidade de Vigo