O proxecto europeo Newpower traballa desde a UVigo na valorización integral de residuos agroforestais
Newpower está coordinado desde o Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo polos investigadores e profesores da Facultade de Ciencias do campus de Ourense Gil Garrote e Pedro Miguel Ferreira Santos, motivo polo cal o campus acolleu este luns a xornada de lanzamento do proxecto. A iniciativa, explican os seus responsables na UVigo, dá continuidade e enmárcase no traballo que o seu grupo de investigación Biorrefinaría e Valorización de Biomasa (Bio2Val) desenvolve dende hai máis de 20 anos arredor do emprego de biomasa vexetal para obter diversos compostos de valor engadido (biocarburantes, ingredientes para a industria alimentaria, etc), contando cunha dilatada traxectoria de proxectos neste eido. Neste senso, na benvida á xornada celebrada este luns, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, puxo en valor a captación de fondos acadada cada ano por grupos do campus de Ourense para o desenvolvemento de proxectos de investigación tanto estatais como europeos.
Reutilizar en vez de eliminar
O carácter innovador de Newpower baséase, tal e como apuntan os seus responsables, “no aproveitamento dos residuos agrícolas e forestais dunha maneira integral, reutilizándoos en lugar de eliminalos”. Ao longo dos tres anos de traballo, os socios da iniciativa crearán unha rede de colaboración entre organismos públicos e privados do espazo Sudoe, buscando a xestión sostible de residuos agrícolas e forestais, desenvolvendo novos procesos de conversión, obtendo enerxías renovables e novos produtos de alto valor engadido. Estas liñas de traballo, indican, implicarán beneficios socioeconómicos e a creación de postos de traballo cualificados.
Concretamente, con este proxecto preténdese obter “atractivos produtos biofuncionais para ser utilizados en industrias alimentarias, farmacéuticas, biotecnolóxicas e na agricultura ecolóxica”. Para alcanzar este obxectivo, indican os investigadores da UVigo, “será necesario establecer unha forte cooperación transnacional, onde cada entidade achegará o seu coñecemento nas diferentes etapas”. Deste xeito, en Newpower algúns dos socios centraranse en procesos innovadores e ecolóxicos de extracción de produtos de valor engadido baseados nunha biorrefinería multiproduto nun contexto de economía circular; outros na caracterización e encapsulación de compostos activos de interese; e outros na formulación de alimentos funcionais, nutracéuticos, embalaxes intelixentes, produtos fitosanitarios naturais, produción de biocombustibles, bioplásticos e químicos de plataforma. Concretamente, o papel investigador da UVigo dentro do proxecto enfócase en estudar o fraccionamento da biomasa (empregando tecnoloxías verdes e novidosas), a caracterización das fraccións obtidas (dende un punto de vista químico, funcional e biolóxico) e a produción de biocarburantes, bioplásticos e outros compostos que poidan servir en diversas industrias para substituír os derivados do petróleo.
Completando o traballo de investigación, indican desde o proxecto, no proxecto realizarase un estudo técnico-económico e ambiental de todos os procesos desenvolvidos para estudar a súa viabilidade industrial. Por último, engaden, “a organización da sociedade civil involucrada terá un papel crave na sensibilización e a difusión dos resultados, promovendo a sostibilidade, o consumo responsable, hábitos e dietas saudables e a redución do desperdicio, co fin de lograr o benestar da sociedade no seu conxunto”.
Universidade de Vigo (UVigo)