Manuel Fraga salienta o dinamismo da Bodega Cooperativa San Roque SCG, que produce un 7% do total do viño da denominación de orixe Ribeiro
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/cooperativa_beade1.jpg)
Durante a súa intervención no acto de inauguración, Manuel Fraga salientou o dinamismo desta bodega cooperativa, constituída hai dous anos, e integrada por 70 socios. Ao acto tamén asistiron o conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, José Antonio Santiso Miramontes; o presidente da Deputación Provincial de Ourense, José Luis Baltar; e o alcalde de Beade, Senén Pousa.
O presidente da Xunta salientou o valor do asociacionismo e do cooperativismo como impulsores e dinamizadores da actividade vinícola. “É unha fórmula que se ten mostrado como moi indicada para canalizar a suma de esforzos, para facer posible a realización de iniciativas ou proxectos que, pola súa magnitude ou complexidade, non serían doados de acadar”, indicou Manuel Fraga.
A PROL DO DESENVOLVEMENTO DO AGRO
Manuel Fraga vinculou a fórmula do cooperativismo co desenvolvemento da economía e da sociedade rural posto que este tipo de iniciativas permiten mellorar a calidade de vida neste ámbito ao facilitar a presenza de oportunidades e a consecución do equilibrio territorial. Estes aspectos son indicadores clave –tal e como lembrou o presidente da Xunta- “da modernidade e do progreso dun país”.
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/cooperativa_beade2.jpg)
INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA NA INAUGURACIÓN DAS INSTALACIÓNS DA BODEGA COOPERATIVA SAN ROQUE, S.C.G.
-“No sector agroalimentario galego ten cada vez máis peso o papel do asociacionismo e do cooperativismo como impulsores e dinamizadores desta actividade. É unha fórmula que se ten mostrado moi indicada para canalizar a suma de esforzos, para facer posible a realización de iniciativas e proxectos que, pola súa magnitude ou complexidade, non serían doados de acadar”.
-“Hoxe, atopámonos ante un novo e destacado exemplo do resultado deste esforzo colectivo, ao inaugurar estas instalacións no Concello de Beade, concibidas para transformar e comercializar a produción vitivinícola dos 70 socios participantes neste proxecto”.
-“Así, para levar adiante esta actuación, foi preciso a realización dun esforzo en investimentos de 3.050.000 euros, dos que preto de 795.000 euros serán achegados finalmente pola Administración”.
-“É unha instalación de gran transcendencia, se temos en conta que a súa produción estimada supera o millón de litros de viño, que vén representar algo máis do 7 por cento dos 13,5 millóns de litros producidos no pasado ano polo conxunto da denominación”.
-“É preciso felicitar e salientar o labor levado a cabo por esta bodega cooperativa, animando a que o seu exemplo sexa imitado por outras moitas cooperativas e asociacións agrarias e agroalimentarias”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia