Galicia demanda que a negociación do acordo pesqueiro ante o brexit sexa levada ao máis alto nivel tanto polo Estado como pola Comisión Europea
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/pesca.jpg)
Por iso, Galicia demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que medie ante o Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación para que realice as xestións necesarias ante as institucións comunitarias co obxectivo de que a consecución dun acordo pesqueiro que defenda os intereses da frota española sexa un asunto prioritario na negociación das autoridades europeas co Reino Unido.
Neste sentido, Rosa Quintana salientou a importancia de que os responsables do Executivo comunitario, como a nova directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, sexan conscientes da transcendencia económica e social que o sector pesqueiro ten en rexións como Galicia para que os seus intereses sexan defendidos en todos os eidos, e que a implicación deste departamento nas negociacións sexa realizada ao máis alto nivel posible.
A titular de Mar e os representantes do sector analizaron ademais o último informe encargado pola Xunta e elaborado polo Instituto Universitario de Estudos Europeos Salvador de Madariaga por encargo da Xunta sobre As relacións pesqueiras entre a Unión Europea e o Reino Unido tralo brexit e que salienta a conveniencia de que a actividade extractiva tralo brexit quede ligada ao acceso mutuo aos recursos, ás zonas pesqueiras e ao mercado.
Dificultades se non hai acordo
Este documento, o terceiro deste tipo que realiza o instituto dependente da Universidade da Coruña para a Administración galega, advirte de que a ausencia de acordo dificultaría o desembarque dos produtos pesqueiros nos portos de ambas partes e derivaría en trabas administrativas, arancelarias e sanitarias. Por iso, aposta por manter unhas relacións pesqueiras semellantes ás actuais pero enmarcadas no dereito internacional e por poñer en relación os acordos xa existentes e os compromisos adquiridos no marco da Comisión de Pesqueiras do Atlántico Noreste (Neafc).
A chave do acordo, salienta o informe da entidade dirixida polo profesor José Manuel Sobrino, é que reflicta o equilibrio de forzas entre as partes mediante o acceso mutuo aos recursos e o acceso ao mercado, posto que, subliña, o libre acceso ás augas e portos é indisociable do libre comercio e do acceso dos produtos do mar de Reino Unido ao mercado da Unión Europea.
A consecución dun acordo pesqueiro entre a UE e Reino Unido ten especial importancia para os portos de Galicia posto que a comunidade conta con intereses e capital en preto de medio cento de buques de bandeira británica e de Malvinas, dos cales máis de 30 faenan en augas europeas e son susceptibles de efectuar desembarques de peixe fresco ou conxelado en peiraos galegos.
Esta xuntanza con representantes do sector pesqueiro da Coruña súmase ás mantidas a semana pasada con responsables das organizacións pesqueiras de Burela e Celeiro, nas que a Xunta e a frota abordaron as repercusións que tería para o complexo mar-industria a non consecución dun acordo co Reino Unido así como as medidas a adoptar para defender os intereses galegos durante as negociacións.
R.