O Programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros facilitará a reactivación de 27.000 autónomos e PEMES
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/comercio.jpg)
- Compra de medios de protección e hixiene.
- Reforzo de limpeza e desinfección dos establecementos.
- Adaptación dos locais con equipamentos de seguridade e redución de contacto entre persoas.
- Obras para a renovación, limpeza e ventilación do aire.
- Información para os clientes sobre medidas hixiénicas e de protección.
Estas subvencións poden solicitarse a través de Igape Responde, a xanela única da Xunta de Galicia para o asesoramento de autónomos e PEMES sobre as liñas postas en marcha para impulsar a reactivación da actividade empresarial e comercial.
Comercio e Servizos
Os investimentos subvencionables para comercios de proximidade de menos de 300m2 e perruquerías de menos de 10 traballadores deben estar entre os 300 e os 1.200 €, e a intensidade da axuda pode chegar ao 100%.
No caso de PEMES de menos de 50 traballadores (comercio e terceiro sector), os investimentos estarán entre os 1.500 € e os 3.750 €, de xeito que a axuda máxima será de 3.000 €, e incluirá tamén os custos de obtención de certificacións de seguridade fronte á COVID-19 e de formación do persoal para a aplicación de protocolos e prácticas de seguridade.
Turismo
A Consellería de Cultura e Turismo, tras un proceso de diálogo cos axentes da industria, pon en marcha o programa Galicia Destino Seguro, que pretende promover á comunidade como destino fiable e de calidade, así como adaptar o sector á “nova normalidade”.
Así, os establecementos hostaleiros e de restauración, axencias de viaxes e locais turísticos poderán solicitar entre 300 e os 1.200 €, e a intensidade da axuda pode chegar ao 100%, sempre e cando teñan menos de 10 traballadores e 300 m2. Ao igual que no caso anterior, as PEMES de menos de 50 traballadores poden presentar investimentos entre os 1.500 € e os 3.750 €, de xeito que a axuda máxima será de 3.000 € (80%).
Esta convocatoria é un dos primeiros froitos do Pacto por un Destino Seguro, asinado entre a Xunta de Galicia e o sector turístico para mellorar a información, asesoramento e formación do sector en materia sanitaria. Outras accións contempladas dentro deste Pacto son un teléfono de asesoramento para o sector, ou un plan de formación en materia de seguridade sanitaria para entidades sectoriais e provinciais, con 50.000 prazas en 500 accións formativas, adaptadas a cada subsector e impartidas polo Centro Superior de Hostelería de Galicia.
Transporte
Empresas e autónomos do sector do transporte terrestre e marítimo de pasaxeiros, o trasporte de mercadorías por estrada, e actividades anexas de transporte terrestre, poderán solicitar ata 3.000 € para a implantación de medidas de seguridade e equipos de protección.
Autodiagnóstico online gratuíto
Na plataforma gratuíta www.comerciosegurogalicia.com, da Xunta de Galicia, calquera negocio pode realizar unha análise da súa preparación ante a situación sanitaria actual, no relativo a prevención e planificación de medidas de seguridade, ademais de recibir recomendacións sanitarias e claves para ofrecer a maior seguridade posible na volta á actividade. Para obter as axudas do programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, os solicitantes deben presentar o informe de autodiagnóstico que proporciona esta plataforma.
R.