Galicia pechou o mes de setembro cunha caída do paro do 0,21%
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/emprego-roupa.jpg)
A contratación en xeral aumenta nun 29,14%, asinándose na Comunidade no último mes 18.763 contratos. Pola súa banda, o desemprego baixa nas provincias da Coruña (-0,60%) e de Pontevedra (-0,14%); nos sectores da industria (-4,46%) e da construción (-2,79%); e nos dous tramos de maior idade (de 30 a máis de 45 anos). Tamén cae nas sete grandes cidades, agás en Ourense que sobe en 16 persoas.
A directora xeral de Formación e Colocación apuntou que desde o mes de abril, momento no que se rexistrou o peor dato de desemprego, Galicia logrou que 15.055 persoas abandonasen as listas do paro.
En canto a evolución anual, o desemprego aumentou nun 12,48%, pero mantense a niveis inferiores aos de hai 11 anos, pese á suba. Lado explicou que Galicia viña encadeando seis anos consecutivos de caída do paro nun mes de setembro, pero esta tendencia rompeuse polos efectos da covid-19. Aínda así, engadiu que en setembro de 2009 o incremento de paro foi maior que o reflectido agora.
Na comparativa con España, o paro aumenta en todas as comunidades: en Galicia, o incremento é moi inferior á media estatal (+22,62%) cun diferencial de máis de dez puntos. A Comunidade galega é a terceira cun menor ritmo de subida en termos relativos.
Lado sinalou que para acadar a recuperación económica e social é fundamental adoptar medidas que nazan do consenso para impulsar a creación de emprego de calidade. Así, lembrou que a Xunta, empresarios e sindicatos veñen de referendar un pacto para intensificar o Diálogo Social, un acordo para seguir atraendo a Galicia máis empresas competitivas e máis emprego de calidade.
A responsable de Formación e Colocación indicou, así mesmo, que a Xunta seguirá impulsando as medidas recollidas no Plan de reactivación económica, dotado con 127 millóns de euros, para apoiar a autónomos, pemes e comerciantes.
Segundo expresou Lado, a clave neste momento é ofrecer seguridade e estabilidade aos colectivos que máis están sufrindo a crise sanitaria e, por iso, subliñou que a Xunta seguirá apoiando e poñendo en marcha medidas encamiñadas a favorecer o emprego como son programas de formación adaptados aos novos tempos; favorecendo o teletraballo e dando maiores facilidades para conciliar; e activando liñas de axudas para apoiar aos traballadores en Erte ou en situación de desemprego.
R.