Galicia diminúe a súa taxa de paro, que se sitúa nun 11,80%
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/emprego-tenda-te.jpg)
Lado sinalou que a taxa de paro se sitúa nun 11,80%, diminuíndo en 0,15 puntos con respecto á do trimestre anterior e mellorando a taxa de España (16,26%) en 4,46 puntos. A taxa de paro feminina tamén é mellor en Galicia (13,04%) que no Estado (18,39%), situándose 5,35 puntos por debaixo da estatal. Na evolución trimestral, o número de activos medra en 34.500 persoas (+2,89%), a maior subida nun terceiro trimestre de toda a serie histórica (ano 2002).
Na evolución anual, a Comunidade galega tamén acada crear emprego indefinido. Deste xeito, os traballadores indefinidos crecen en 18.800 persoas (+2,91%), encadeando máis de tres anos de subidas consecutivas. Galicia conta na actualidade con 663.800 empregados indefinidos, a cifra máis alta nun terceiro trimestre de toda a serie histórica (2002). Así, tres de cada catro ocupados galegos son indefinidos. Lado resaltou que mentres que en Galicia aumentaron os traballadores indefinidos con respecto ao mesmo trimestre do ano pasado, no Estado baixaron. A directora xeral, así mesmo, sinalou que o paro medrou en 1.300 persoas (+0,91%), aínda que o ritmo de subida en Galicia foi moi inferior á media estatal (+15,82%), con case 15 puntos menos.
A directora xeral puxo en valor que Galicia creou emprego indefinido na evolución anual e trimestral e indicou que o principal obxectivo da Xunta continúa sendo o impulso da economía e a xeración de emprego. Así, explicou que a Administración autonómica está deseñando medidas acordes ao novo contexto socioeconómico, consensuadas cos axentes sociais e económicos. “Temos que avanzar entre todos cara unha recuperación económica e social”, engadiu.
Neste senso, lembrou que o Goberno galego aprobou o Plan de reactivación económica cun orzamento de máis de 3.000 millóns de euros en investimento público e privado, que inclúe axudas para as pemes e os autónomos. Así mesmo, afirmou que na actualidade estase perfilando coa Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas. A iniciativa está dotada con 70 millóns de euros para contribuír ao mantemento do emprego e da actividade económica de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas.
R.