Os Orzamentos galegos de 2021 incluirán o maior investimento público da historia, que roldará os 2.500 M€
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/economia-porcentaxe.jpg)
“Serán para finalizar a rede nova de hospitais e centros de saúde, así como a rede de residencias de maiores e todo o que implica a dependencia e os centros de día; para finalizar a dixitalización da ensinanza; e para continuar coas infraestruturas viarias e de abastecemento e saneamento”, precisou.
Durante a súa participación por videoconferencia, xunto ao presidente do Principado de Asturias, Adrián Barbón, nos Encuentros del Eo, Feijóo salientou, no eido económico, que a Xunta tratou de apoiar desde o primeiro momento da pandemia aos sectores máis afectados, referíndose ao ocio nocturno, que conta con axudas autonómicas para pagar o aluguer e manter o emprego; ás iniciativas para axudar ao sector do comercio, ao turismo e aos servizos a adaptarse ás novas circunstancias; á posta en marcha dun plan de dixitalización para pemes e autónomos; ou ao plan de rescate para autónomos, dotado con 70 millóns.
“Todas estas iniciativas exemplifican os esforzos destinados a paliar a complexa situación das empresas e sectores que peor o están pasando”, sinalou, apelando tamén á necesaria implicación doutras administracións como son os concellos e o Goberno central.
Sobre este punto, referiuse á necesidade de reducir ao 4% o IVE turístico e manter os ERTE mentres duren as restricións sanitarias, así como que os concellos revisen o cobro das taxas municipais durante o tempo que dure esta situación.
Os fondos europeos, unha oportunidade para os obxectivos compartidos do noroeste
Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou tamén que o Goberno galego tramitará a Lei de reactivación, cuxo principal obxectivo é a simplificación dos trámites administrativos; “diminuír á metade os tempos dos trámites administrativos”. E insistiu na oportunidade que supoñen os fondos Next Generation.
“Estamos a falar dunha oportunidade de negocio e de inversión para cambiar, para intensificar e orientar a política industrial e as políticas de infraestruturas para os vindeiros anos”, aseverou, recordando que os proxectos presentados por Galicia poñen en valor a materia prima e os recursos naturais da Comunidade.
“Non son proxectos estéticos ou cosméticos, son proxectos que entran no corazón industrial de Galicia, tanto do sector primario, do sector forestal, do sector da automoción e do sector enerxético. Proxectos que xeran emprego e que consolidan un cambio da nosa economía máis verde e máis dixital”, abundou.
Así mesmo, afirmou que estes fondos suporán tamén unha oportunidade para os obxectivos compartidos do noroeste, para poñer en valor o corredor do noroeste. E pediu ao Goberno central novamente que se fixe nos proxectos estratéxicos de cada comunidade. “Isto non é un café para todos, o Goberno ten que buscar a competitividade da nosa economía, tanto do sector primario como dos sectores industriais. E isto é o que lle pedimos, que busquemos e fagamos prioritarios os proxectos que cambien a economía dunha comunidade”, reflexionou.
Ademais de intercambiar impresións sobre a xestión da pandemia, Feijóo referiuse tamén a outras prioridades comúns como evitar a perda de financiamento comunitario no novo período 2021-2027, o envellecemento e a dispersión.
R.