Galicia reclama en Bruxelas axilidade na transferencia dos fondos de compensación polo Brexit para mitigar o impacto económico sobre a pesca
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/pesca-rede.jpg)
O ditame sobre a Estratexia Marítima Atlántica contribúe a reforzar o papel das rexións atlánticas, especialmente no contexto actual de crise derivada da pandemia e da saída do Reino Unido da Unión Europea, e impulsar a cooperación no ámbito da economía azul.
Ao longo dos tres días de pleno, celebráronse varios debates entre os que destaca o organizado o mércores co propio presidente do Consello Europeo, Charles Michel, para abordar o papel das rexións e cidades na pandemia e na recuperación económica e o do xoves, coa comisaria de Enerxía, Kadri Simson. A renovación dos edificios e barrios para mellorar a eficiencia enerxética e reducir as emisións de gases contaminantes foi o tema central deste debate pois é unha das máximas prioridades da UE. A esta chamada onda de renovación irán destinados unha boa parte dos fondos de recuperación.
O Comité Europeo das Rexións
O CdR é a asemblea consultiva da Unión Europea na que están representados os entes locais e rexionais da UE. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Esta é a última das cinco sesións plenarias que o CdR celebra cada ano para emitir ditames de opinión sobre as políticas comunitarias. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega neste órgano da UE.
R.