Galicia presenta a Estratexia de Internacionalización 2021-2025, co obxectivo de acadar os 25.000 M€ anuais en exportacións
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/internacionalizacion-01.jpg)
Todo isto hase conseguir a través de varios pasos, sendo o primeiro un plan de acción 2021-2023, centrado na recuperación económica do tecido empresarial da nosa comunidade trala pandemia, achegando 70 millóns de euros que se destinarán a catro liñas de traballo: fomento da innovación, atracción de talento galego internacional, acompañamento ao tecido empresarial e difusión de casos de éxito.
Fomento da innovación
Se ben esta é unha liña de traballo xa explorada a través das Antenas do Igape, a idea agora e a de potenciar e complementar este traballo. As Antenas acompañan as pemes galegas na súa internacionalización, e a día de hoxe están en Shanghái, Miami, Casablanca, Cidade de México, Lima e Londres (Oficina Brexit).
Preténdese agora abrir novas Antenas en Dubái e Tokio ao longo do ano 2022, e estudar as aperturas en Corea do Sur e Brasil a partir do ano 2023, de xeito que no período 2021-2023 se poidan quintuplicar as empresas atendidas (pasando de 200 a 1.000).
Para isto é fundamental tamén a dixitalización das empresas, é dicir, o uso das canles dixitais para incorporarse a novos mercados. A chamada “internacionalización dixital” debería chegar a 1.000 empresas galegas para o ano 2025, que se complementarán con outras 700 beneficiarias do programa Galicia Exporta Dixital ata 2023 (cun orzamento de 24 millóns de euros).
Por outra banda, entrará tamén en xogo o Programa Emprede Global, que favorecerá a participación das empresas galegas en encontros e feiras internacionais de innovación e emprendemento. Para iso hanse visitar ecosistemas tecnolóxicos punteiros a nivel mundial, como o de Miami-Florida, Zhongguancun (Pekín), Silicon Wadi (Tel Aviv), Silicon Valley (California) ou o East London City (Londres).
Tamén será importante facilitar o acceso a licitacións internacionais, a través dunha plataforma que ofreza información puntual sobre a contratación pública e a potencialidade dos mercados en diferentes países.
Captación de talento internacional
A Estratexia destinará 9 millóns de euros a conseguir 100 novos bolseiros e xestores de internacionalización, e chegar así a 140 empresas para captar talento internacional para o tecido empresarial galego.
Por outra banda, vanse poñer en marcha os programas Fórmate Internacional (iniciativa de cualificación práctica e continua orientada á internacionalización) e ReAcciona Covid-19 (análise de mercados internacionais e elaboración de plans estratéxicos na nova normalidade).
Acompañamento nos mercados de destino
Neste ámbito cabe destacar o traballo xa realizado a través das liñas Galicia Exporta ou dos programas en colaboración coas Cámaras de Comercio. Agora vanse destinar máis de 10 millóns de euros ata o ano 2023 para continuar e potenciar estes traballos, e para desenvolver plans específicos nos sectores vitivinícola e contract que favorecerán a internacionalización e a cooperación entre os diferentes axentes.
Concretamente o plan do sector do viño integrarase na Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, recentemente presentado, e que procura desenvolver a imaxe de marca e identidade, incrementar o turismo a estes territorios, e consolidar os viños galegos.
Difusión de casos de éxito
O último eixe desta Estratexia de Internacionalización 2021-2025 é a difusión de casos de éxito por medio do programa Igape Contigo, que por unha parte informará ás empresas galegas sobre a propia Estratexia e sobre experiencias positivas doutros participantes, e por outra procurará captar as necesidades das empresas para adaptar as diferentes liñas de traballo ás mesmas.
R.