Galicia e Andalucía impulsan a cooperación para lograr unha economía competitiva e sustentable
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/feijoo-moreno-bonilla.jpg)
Neste mesma liña, o presidente da Xunta aproveitou a reunión para destacar tamén o descubrimento, este mediodía, da mouteira do Camiño de Santiago no Mosteiro de San Isidoro del Campo, no municipio de Santiponce.
Por outra banda, a transición enerxética e o reparto dos fondos europeos Next Generation foron outras das materias avaliadas. Así, ambos os mandatarios coincidiron na proposta de avanzar na concreción de proxectos para as zonas de transición xusta, referíndose a eidos como a eólica mariña, o hidróxeno verde ou a economía azul.
“E pedimos obxectividade, transparencia, criterios claros e cogobernanza no reparto dos fondos europeos”, confirmou Feijóo, reiterando a necesidade de que as comunidades deixen de ser meras oficinas xestoras dos ministerios e poidan xestionar o 50% dos mesmos.
Sobre este asunto, Feijóo resaltou tamén os intereses que comparten as dúas comunidades en sectores que se impulsarán a través de PERTE, como é o caso do sector agroalimentario.
Así mesmo, e no caso concreto de Galicia, Feijóo recordou que o Goberno galego ten remitido á vicepresidenta primeira os proxectos prioritarios para a Comunidade, referidos ao sector forestal e á industria da transformación, ao sector da automoción, ao sector agroalimentario e, no eido sanitario, á medicina personalizada.
Ao longo da reunión, ademais de demandar o desenvolvemento da Estratexia nacional para o reto demográfico, ambos os presidentes avaliaron o sistema de financiamento autonómico, coincidindo na necesidade de que este conte cos recursos suficientes para que funcione. “A Constitución non se pode cumprir se a sanidade, a educación ou os servizos sociais non teñen fondos adecuados para activalos”, dixo o titular da Xunta, recordando que o financiamento é a garantía de igualdade de todos os españois -“o financiamento é para 47 millóns de españois, non para 17 territorios”-.
Ao respecto, resaltou que a multilateralidade da lei orgánica de financiamento das comunidades é un principio constitucional que non pode ser derrogado por ningunha bilateralidade.
Outros dos retos que Galicia e Andalucía comparten son a loita contra os incendios forestais, sobre os que intercambiaron experiencias; así como o futuro da pesca que pasa por seguir apostando pola sostibilidade, a conservación de recursos e a remuda xeracional.
R.