A nova estratexia de FP Galicia 2030 potenciará a oferta de dobres graos nestas ensinanzas
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/fp.jpg)
Ademais, en Galicia pódese obter unha dobre titulación compaxinando o estudo dun ciclo no réxime ordinario e dos módulos que resten de outro polo réxime modular para persoas adultas.
Así mesmo, impártense varios proxectos de FP Dual que incorporan módulos doutros ciclos, en concreto o de Mecatrónica industrial con oferta parcial do ciclo de Automatización e robótica industrial –no IES Universidade Laboral (Culleredo)–, o de Construcións metálicas con oferta parcial do ciclo de Proxectos de obra civil –IES Laxeiro (Lalín)–, o de Procesamento e transformación da madeira con oferta parcial do ciclo Operacións de laboratorio –no CIFP Politécnico de Santiago– e o de Xestión de ventas e espazos comerciais con oferta parcial do ciclo Estética e beleza –no CIFP As Mercedes (Lugo) e no IES A Guía (Vigo)–.
Tal e como explicou o secretario xeral de Educación, impulso da FP Básica, da modalidade Dual e dos másteres de FP completan a estratexia no referido á mellora da oferta, que se coordinara coas empresas. De forma complementaria, ampliarase a FP a distancia para atender as necesidades de cualificación das persoas para favorecer a aprendizaxe permanente e a súa empregabilidade. Isto completarase cos procedementos de acreditación de competencias adquiridas pola experiencia laboral.
Especialización dos centros
No referido ao fortalecemento da rede de centros de excelencia, apostarase pola especialización de cada centro en familias profesionais concretas e vencelladas na contorna. Así mesmo, impulsarase a oferta no rural, diversificándoa e ampliándoa. Nesta tarefa será fundamental a colaboración coas 11.000 empresas que hoxe en día están implicadas na Formación Profesional galega.
“O mundo empresarial apoia a FP, ten confianza nestas ensinanzas. Traballaremos para incrementar a colaboración das empresas na FP, para a formación dos alumnos e dos profesores, así como para promover a innovación das ofertas.”, sinalou o secretario xeral.
Innovación e sustentabilidade
A rede de centros de excelencia estará encabezada polo novo Centro Galego de Innovación da Formación Profesional en Ourense, que abrirá as súas portas neste ano 2022. Centrado en áreas punteiras como a biotecnoloxía aplicada, a fabricación aditiva ou a enerxía e sustentabilidade ambiental, neste novo espazo educativo desenvolveranse proxecto de innovación de interese para o sistema de FP e para as empresas colaboradoras, así como actividades de formación do profesorado
Precisamente a innovación e a dixitalización é un dos eixes da nova Estratexia de Formación Profesional Galicia 2030 ,"nun aliñamento estratéxico coas políticas de educación e formación da Unión Europea para potenciar a especialización intelixente e a transición verde e dixital así como, coas diferentes estratexias e plans sectoriais de Galicia en ámbitos tales como o desenvolvemento rural ou a industria”, explicou o representante da Consellería de Educación.
“A FP en Galicia é unha prioridade estratéxica da política educativa e de formación do Goberno galego. Deste xeito, a nova estratexia está firmemente integrado co Plan Estratéxico de Galicia 2020-2030 e aliñada con outras como a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a Estratexia Galicia Dixital 2030, ou Axenda da competitividade Galicia - Industria 4.0.”, destacou o secretario xeral.
R.