Galicia ofrece un milleiro de prazas de acollida para refuxiados procedentes da Guerra de Ucraína
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/ucraina.jpg)
Os datos iranse actualizando na medida en que os distintos axentes vaian ampliando o número de centros e prazas. Os centros postos á disposición por parte da Administración autonómica son: as Residencias de Tempo Libre de Panxón e o Carballiño, o Centro de Formación e Experimentación Pedro Murias de Ribadeo, o albergue xuvenil de Portomarín, as Casas do Mar de Burela, Celeiro-Viveiro e A Coruña, o Centro de acollida para vítimas de violencia de xénero de Vigo e os centros residenciais docentes da Coruña, Ourense e Vigo.
Estas prazas súmanse ás 432 camas en hospitais nas sete áreas sanitarias para acoller a aquela poboación de Ucraína con necesidades de atención sanitaria. Delas, 113 serán para pacientes pediátricos, 15 para nenas e nenos con necesidades de tratamento oncolóxico e o mesmo número para neonatos. Con respecto aos adultos, das 319 prazas dispoñibles para eles, un total de 25 serían para pacientes oncolóxicos en tratamento.
Axuda humanitaria
A solidariedade é, sen dúbida, unha das características máis relevantes da cidadanía galega e na actual crise provocada polo conflito bélico en Ucraína, unha vez máis, as mostras de solidariedade son constantes. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE está poñendo en marcha os instrumentos de financiamento de axuda humanitaria dos que dispón para facer fronte á crise en Ucraína.
Por un lado, canalízanse fondos a través dos tres convenios de colaboración asinados con entidades expertas na atención deste tipo de crises (Farmacéuticos Mundi, Unicef e a Axencia Española de Cooperación Internacional). Doutra banda, disponse doutra vía para o financiamento de intervencións de resposta a emerxencia e crises humanitarias, que é a convocatoria para proxectos de acción humanitaria no exterior que se publicará nas vindeiras semanas.
Ademais, coa finalidade de coordinar a resposta dende Galicia, a Xunta está a convocar unha reunión de urxencia, prevista para o luns día 7 de marzo, na que participarán distintos axentes de cooperación con presenza en Galicia e traballo na zona do conflito. Nela participarán a Fegamp, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o Concello de Santiago, a Coordinadora Galega de ONGD e entidades humanitarias con presencia sobre o terreo.
A Xunta de Galicia agradece profundamente as mostras de solidariedade e os ofrecementos brindados á poboación afectada polo conflito e lembra que nas crises de carácter humanitario a canalización da axuda mais efectiva e con maior impacto é a través de doazóns de fondos ás organizacións humanitarias especializadas que están a traballar no lugar do conflito.
R.