A oferta das universidades públicas galegas para o curso 2022/23 incorpora tres novos títulos de grao e dez novos mestrados
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/universidade-titulos.jpg)
Novas titulacións de grao
No apartado de novos graos públicos, o vindeiro curso comezarán a impartirse dous graos interuniversitarios, o de Intelixencia Artificial entre as Universidades da Coruña, de Santiago e de Vigo, e o de Relacións Internacionais, entre a Universidade da Coruña e Vigo.
Así, no caso do Grao en Intelixencia Artificial ofértanse un total de 150 prazas a razón de 50 no campus de Santiago (USC), 50 no campus de Ourense (UVigo) e outras 50 no campus da Coruña (UDC).
No caso do Grao en Relacións Internacionais, serán 45 prazas en total a razón de 23 no campus de Ourense (UVigo) e 22 no campus de Ferrol (UDC).
A maiores tamén se incorpora á oferta o Grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, que impartirá o novo centro adscrito da USC, o Centro Superior de Hostalería de Galicia, con 75 prazas.
Así mesmo, reveríficase o Grao en Enfermaría da USC, con 150 prazas en Santiago e 83 (13 máis ca o este curso) en Lugo.
Mestrados
No que atinxe aos mestrados, o estudantado poderá cursar dez novas titulacións de máster nas universidades do Sistema Público Galego o vindeiro curso.
Trátase do Máster interuniversitario en Intelixencia Artificial que ofertan as tres universidades públicas con 60 prazas en total. Tamén de maneira interuniversitaria, e xunto con outras tres universidades portuguesas, comezará a ofertarse o mestrado universitario en Desafíos das Cidades.
A maiores, a Universidade de Santiago de Compostela engade á súa oferta tres novos títulos: Mestrado en Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais (en colaboración cunha universidade portuguesa), Mestrado en Enxeñaría Ambiental (reverificación sobre unha titulación anterior) e Mestrado en Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras.
A Universidade de Vigo incorpora dous novos títulos: o Mestrado en Enxeñaría Biomédica e o Mestrado en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia.
A Universidade da Coruña incorporará tamén, por primeira vez, tres novos mestrados: Mestrado en Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, Mestrado en Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías (os dous reverificacións sobre titulacións anteriores) e Mestrado en Métodos en Investigación e Análise social.
R.