A Academia Makers estréase en Verín cun curso aberto a emprendedores
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/academia-makers.jpg)
“O programa Emprende Makers pon en marcha esta Academia, coa misión de entregar os espazos, as ferramentas ás persoas que se queiran formar, innovar e reinventar usando tecnoloxías de fabricación dixital baixo a filosofía do faino ti mesmo”, dixo a directora xeral, quen destacou que as persoas beneficiarias poderán desenvolver “calquera proxecto que se poidan imaxinar e dar a oportunidade de mellorar as vidas das comunidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”.
Estreo da ‘Academia Makers’
O primeiro curso da Academia Makers terá lugar no Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego e Ourense Centro e Sur, radicado en Verín -e que da servizo ás comarcas da Limia, Baixa Limia, Terra de Caldelas, Terra de Trives, Verín e Viana- do 30 de agosto ao 22 de setembro. Trátase dun obradoiro de competencias básicas de emprendemento a través do cal “calquera persoa emprendedora con interese no mundo maker adquirirá coñecementos sobre cuestións como a presentación de empresas ante futuros inversores, a construción de modelos de negocio estables ou marketing”, especificou Ardao.
O curso consta de 20 horas repartidas en 8 sesións (4 presenciais e outras 4 en liña) nas que se ofrecerán recursos e información necesaria para transformar ideas innovadoras ou prototipos en ideas de negocio.
As inscricións para esta actividade gratuíta están abertas (https://bit.ly/MAKERSVERIN). A Xunta anima a participar a calquera persoa maior de 18 anos interesada en poñer en marcha unha idea de negocio e familiarizarse co mundo maker. Unha oportunidade para os máis novos, “pero tamén para a reciclaxe informal ao longo da vida profesional e para a apertura de novas oportunidades laborais, desde o emprendemento ou desde o acceso a novos nichos de empregabilidade”, subliñou Ardao.
A actividade está financiada con fondos do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (Poctep). Non será a única a desenvolver neste Polo xa que, tal e como resaltou Ardao, as persoas emprendedoras da área poderán participar proximamente en obradoiros sobre modelos de innovación para makers nos que adquirir, entre outros, coñecementos en materia de creatividade aplicada ao negocio, prototipado e espazos de colaboración e innovación con empresas.
No mes de setembro están programadas actividades da Academia Makers en Vilanova de Arousa (Pontevedra), do 13 de setembro ao 6 de outubro; en Silleda (Pontevedra), do 5 ao 28 de setembro; e en Coristanco (A Coruña), do 12 de setembro ao 5 de outubro.
A través desta iniciativa, o Goberno galego agarda poder asesorar máis de 60 proxectos e dar orixe a unhas 30 empresas, 20 delas en Galicia.
A Academia enmárcase no programa Emprende Makers, unha iniciativa de cooperación institucional transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal cuxo obxectivo é a creación e desenvolvemento dunha rede de emprendemento baseada nos centros de fabricación dixital e prototipado da Eurorrexión.
A Xunta mantén un firme compromiso co impulso do emprego de calidade, “apoiando o emprendemento e revolucionando a formación para o emprego”, rematou a directora xeral, quen destacou a estratexia Xempre baseada no traballo coas capacidades das persoas a través da colaboración público-privada, un marco no que a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego ten un papel fundamental, por conectar á cidadanía coa rede autonómica de emprendemento e a oferta laboral da comunidade.
R.