Galicia contará cun desconto do 50% nos prezos do autobús autonómico, no transporte da ría de Vigo e no ferrocarril na área de Ferrol
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/bus.jpg)
Igualmente, o presidente da Xunta lamentou que os incentivos do Executivo estatal adoeceran de falta de reflexión, planificación e equilibrio territorial, ao xerar diferencias entre modos de transporte –con gratuidade para o tren e descontos moi inferiores para o autobús— e entre territorios –posto que os cidadáns sen acceso a liñas ferroviarias de media distancia non se poderán beneficiar da axuda—.
Ante esta situación, engadiu, a Xunta adiantará o diñeiro eaplicará a máxima bonificación (50%) no transporte público autonómico, estendendo con fondos propios da Xunta a bonificación ao transporte da ría de Vigo e ao tren de proximidade na área de Ferrol, dado que ambos están no Plan de Transporte Metropolitano. Así mesmo, os servizos urbanos de Pontevedra e Ferrol tamén se beneficiarán deste desconto, xa que o seu transporte opera con concesións autonómicas.
Aposta sen precedentes polo transporte público
Ademais de salientar que o desconto contribuirá á competitividade e ao emprego dun sector moi relevante na vertebración do territorio, Rueda subliñou a aposta sen precedentes da Xunta no eido do transporte público. “Para a Xunta a mobilidade é algo estratéxico”, afirmou, en referencia ao esforzo e aos investimentos destinados á construción de infraestruturas, á renovación integral das liñas de transporte interurbano e ás bonificacións xa implantadas.
Entre estas últimas, o titular do Goberno autonómico fixo fincapé na Tarxeta Xente Nova, coa que xa hai máis de 120.000 mozos galegos viaxando gratis por toda Galicia nos buses da Xunta. En total o Executivo autonómico financia máis do 76% do custo das 3.400 liñas de transporte interurbano que operan na actualidade en Galicia, ás que se destinan 80 millóns de euros ao ano.
R.