Galicia impulsará unha candidatura única para acoller a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/tecnoloxia-cuantica.jpg)
Entre os requisitos xa coñecidos, está a existencia dun potente ecosistema dixital. Neste senso, Galicia xa destaca na xeración de coñecemento en torno á Intelixencia Artificial a través de centros singulares de investigación; ademais de estar desenvolvendo a súa propia Estratexia Galega de Intelixencia Artificial.
En concreto, Galicia é a primeira Comunidade española en afrontar o desafío de analizar o impacto ético da aplicación das tecnoloxías de IA no seu territorio e este traballo permitirá adaptar a lexislación galega a esta nova realidade. Así mesmo, Galicia conta con dous ‘hubs’ de innovación que suman as capacidades de máis de 4.200 empresas e entidades que empregan a 120.000 persoas. Ademais, o sector tecnolóxico suma 2.961 empresas con 20.740 empregados.
A aposta por Galicia como sede da AESIA conta xa co apoio de máis de 60 institucións e empresas, entre as que se atopan grandes tecnolóxicas como Amazon Web Services, Microsoft ou Google Cloud.
Tamén analizaron os prazos establecidos polo Consello de Ministros, que anunciou que a Comisión Consultiva para a determinación das sedes disporá dun mes para dar a coñecer os criterios que se terán en conta para seleccionar a sede da AESIA nun procedemento aberto e competitivo. A partir da publicación dos criterios no BOE, as Comunidades Autónomas e as entidades locais poderán presentar a súa candidatura. A elección deberá realizarse nun prazo máximo de seis meses.
A Xunta de Galicia está elaborando, xunto coas universidades e a Eurorrexión, un documento para a presentación da candidatura galega, que se completará cando se desvelen os criterios de selección por parte da Comisión consultiva.
O Executivo autonómico desenvolverá un traballo continuo de colaboración con todos os axentes implicados coa intención de sumar esforzos co obxectivo de que a candidatura elixida por Galicia sexa a mellor posible para que a comunidade poida ser designada como sede da AESIA.
Coñecidas as precandidaturas de A Coruña, Ourense e Santiago de Compostela, os membros do nodo galicIA comprometéronse a apoiar unha candidatura de unidade. A decisión final tomarase en base aos criterios establecidos polo goberno de España, valorándose especialmente o peso do ecosistema empresarial e investigador en materia tecnolóxica.
R.