Airbus, Babcock e Telespazio serán socios estratéxicos e tecnolóxicos no Polo Aeroespacial de Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/polo-aeroespacial-babcock.jpg)
O Polo Aeroespacial de Galicia é unha folla de ruta para os vindeiros catro anos que busca impulsar a investigación e a implantación de empresas do sector na comunidade galega.
En concreto, o titular do Executivo autonómico informou de que a sinatura dos acordos de asociación con estas compañías suporá o impulso de 40 proxectos de I+D no eido dos sistemas non tripulados con 49,8M€ de fondos públicos e 233 do tecido empresarial. Ademais, o 64% dos fondos públicos investiranse en contratación de empresas galegas, universidades e centros tecnolóxicos. A fórmula empregada é a da Compra Pública Precomercial, coa que o Goberno galego consegue un dobre obxectivo: mellorar a eficiencia dos servizos públicos e validar, testar e ser o primeiro cliente das solucións e produtos desenvolvidos polas empresas e centros de coñecemento, permitíndolles un mellor posicionamento no mercado global.
Deste xeito, Airbus, referente do sector aeroespacial en Europa, chega a Galicia cunha iniciativa que inclúe 20 proxectos de I+D cunha mobilización público-privada de 242,6 millóns de euros -dos que 28,7 serán achegados pola Xunta de Galicia- e a creación de 168 empregos directos. “Os proxectos centraranse no desenvolvemento de sistemas de propulsión de reducido impacto ambiental ou plataformas multioperacións para vehículos non tripulados”, indicou Rueda.
Pola súa parte, Babcock consolida a súa presenza no Polo Aeroespacial xunto con Telespazio compañía pertencente á multinacional franco-italiana Leonardo & Thales Group, líder mundial na operación de servizos aeroespaciais -que se incorpora- para desenvolver un programa conxunto que dea resposta ao reto da observación e xestión da biodiversidade que mobilizará 40,6M€ (21,18M€ procedentes da Xunta de Galicia e de fondos do Mecanismo para a Recuperación e a Resiliencia). En concreto, avanzarase na creación de tecnoloxías baseadas en vehículos non tripuladas para a xestión, vixilancia e monitorización da biovidersidade. Agárdase, ademais, a creación de 236 postos de traballo.
Froito do procedemento de diálogo que se desenvolveu ata o pasado mes de xullo aprobouse un listado de programas de interese preferente, presentados por sete empresas. Aínda que agora se elixen as iniciativas de tres delas, todos os programas están preparados para comezar a desenvolverse no caso de recibir fondos europeos, polo que Galicia non renuncia a seguir incorporando novos programas de I+D e novos socios.
Esta licitación é unha das primeiras actuacións que se activaron no marco do Plan Estratéxico 2021-2025 do Polo Aeroespacial, folla de ruta que xa ten en execución 87M€ de fondos públicos e 233M€ en fondos privados con medidas como o Galaxy Lab, o desenvolvemento dunha infraestrutura de simulación e doutra de telecomunicacións avanzadas 5G, a firma dun convenio co Consorcio Aeronáutico Gallego, as novas convocatorias da Business Factory Aero ou o programa para as vocacións
científico-tecnolóxicas.
R.