O paro en Galicia descendeu na evolución anual nun 6,74 % e na mensual nun 0,66 %
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/emprego-11.jpg)
Galicia conta na actualidade con 144.092 persoas en desemprego. Trátase da cifra máis baixa nun mes de febreiro desde que se conta con rexistros (1996).
O paro descendeu na evolución anual (respecto de febreiro de 2022) nun 6,74 % (-10.417 persoas) e na mensual (respecto de xaneiro deste ano) nun 0,66 % (-956 persoas). En Galicia baixou o desemprego o pasado febreiro con respecto a xaneiro, un mes no que no conxunto de Estado rexistrouse unha suba do 0,44 %.
O descenso prodúcese nas catro provincias, nas sete principais cidades e en todos os sectores de actividade respecto de hai un ano, subliñou a conselleira. Con respecto aos sectores de actividade, a comunidade anota unha baixa en todos eles, máis acusada no caso da Agricultura e da Pesca, por enriba do 16 %.
Lorenzana subliñou o bo comportamento experimentado no caso das traballadoras e traballadores de colectivos prioritarios nas políticas de emprego autonómicas. Así, caeu o paro entre os menores de 30 (-16,68 %) e mulleres (-6,07 %) respecto de hai un ano, ata situarse en cifras nunca vistas nun mes de febreiro desde que hai rexistros.
As afiliacións tamén reflicten unha tendencia ascendente cunha suba mensual do 0,49 %, lixeiramente superior á anotada polo Estado (+0,44 %) e unha diferenza de +0,94 % con respecto a febreiro do ano pasado. Galicia conta na actualidade con 1.035.824 cotizantes.
Lorenzana puxo en valor que se contabilizan “máis afiliacións que persoas saen do paro”, na lectura entre xaneiro e febreiro, polo que quixo destacar “a importancia de que esas persoas que saen do paro é porque atopan un emprego na comunidade autónoma”.
O Goberno autonómico está a construír un mercado laboral atractivo, con cabida para todas as persoas en igualdade de oportunidades e cunha prioridade: captar e reter talento. Neste sentido avogou por seguir a executar políticas centradas en casar a oferta e a demanda laboral de postos de traballo para brindar máis oportunidades a quen busca emprego e dar cobertura ás vacantes existentes na actualidade.
Nesta camiño, estanse a reforzar os programas destinados a apoiar o emprendemento e o emprego feminino coa prioridade de captar e reter talento e de avanzar na equiparación salarial e a eliminación das fendas de xénero.
R.