O proxecto europeo RuralYouthFuture contribuirá á creación de emprego xuvenil de calidade no rural
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/agro-galego.jpg)
A Fundación Galicia Europa lidera este proxecto no que tamén participan entidades de Eslovenia Bélxica, Bulgaria, Estonia, Letonia e Portugal. Conta ademais coa colaboración da Consellería de Política Social e Xuventude no marco do programa Euroxuventude.
RuralYouthFuture vai dirixido á mocidade que vive en zonas rurais e se enfronta a unha serie de dificultades de cara á súa inserción laboral (conexión dixital, despoboamento...), cuestións que son comúns entre as diferentes rexións de España e Europa. O proxecto ten interese en impulsar o desenvolvemento rural sustentable, facilitando o acceso da mocidade que vive en zonas rurais a novas oportunidades laborais.
Durante a presentación do proxecto, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE destacou a elección do proxecto liderado pola Fundación Galicia Europa fronte numerosas candidaturas. Do mesmo xeito, salientou os obxectivos de RuralYouthEurope, entre eles, eliminar as desigualdades entre o rural e o urbano, “coa creación e a consolidación de novas oportunidades que reduzan a fenda existente mediante o intercambio de boas prácticas e a promoción e aprendizaxe de novos sistemas que xeren traballo para a nosa mocidade”.
Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado animou as asociacións participantes neste proxecto a que presenten propostas concretas que “afiancen e poñan e valor o sentimento de orgullo de ser un mozo que pode vivir e traballar en ou desde o rural coas mesmas oportunidades que desde o ámbito urbano e, se cadra, con mellor calidade de vida”. Neste sentido, indicou que para conseguir esta meta queda camiño por diante e moitos retos compartidos por todos os países que necesitan resposta, pero amosouse confiada en que “entre todos sexamos capaces de contribuír a dar solucións e compartir as boas prácticas que actualmente existen”.
EuroXuventude
A plataforma EuroXuventude é o espazo para a mocidade galega no que poden consultar os proxectos e oportunidades que lles ofrece a Unión Europea. EuroXuventude pretende promover unha mocidade e cidadanía galega activa e participativa no proceso de construción comunitaria.
R.