Galicia demanda unha reunión urxente ao Ministerio de agricultura para que rectifique as axudas directas que prexudican os gandeiros galegos

Aínda así, as axudas directas aprobadas supoñen, no caso do gando vacún -que é o maioritario en Galicia-, 157 euros por vaca nutriz de vacún de carne e 61 euros por vaca nutriz de leite, percibindo esta cantidade os produtores que teñan as súas explotacións na denominada zona de afección alta. Segundo matizan, Galicia encádrase na zona de afección moderada, polo que lle corresponden tan só un 25% das axudas directas establecidas para as zonas de afección alta. Ademais, no caso da apicultura, dos 5 millóns de euros previstos para o conxunto do Estado, Galicia tan só recibiría 15.500 euros, cantidade insuficiente para a nosa Comunidade Autónoma e que reflicte unha “clara discriminación territorial”, segundo os que subscriben o escrito.
Na misiva remitida, sinálase que -con independencia do volume de precipitacións de cada Comunidade Autónoma- “a situación de incremento de custos de produción está incidindo na gandaría de todo o territorio español de forma moi significativa, con sectores nos que non se observa suba dos prezos en orixe que sexa capaz de cubrir dito incremento”. No caso galego, sinaladamente no vacún de carne, engádese que xa se ten remitido unha carta anterior propoñendo unha batería de medidas para este sector, en alusión á misiva enviada por parte do conselleiro do Medio Rural a semana pasada.
Así, no escrito apúntase que “é totalmente inaceptable a discriminación territorial que sofre Galicia na repartición das axudas directas publicadas no Real Decreto-lei”, sendo “inadmisible” que a nosa comunidade tan só poida recibir un 25% dos importes previstos para cada especie e orientación produtiva. Nesa liña, os asinantes non comparten “o criterio que se empregou para considerar que o efecto da seca supón un 75% do prexuízo causado ás explotacións á hora de calcular as axudas directas”.
A maiores, cuestiónase que “as zonas de afección veñan delimitadas por Comunidades Autónomas, sen atender aos datos técnicos de precipitacións”. Ademais, recóllese que a seca redundará nun incremento dos prezos dos insumos procedentes das zonas de afección alta que son adquiridos polos nosos gandeiros, dificultando aínda máis a súa situación económica. Por todo isto, solicítase unha reunión urxente ao Ministerio para que poida rectificar a situación.
Cabe engadir, que tamén segundo o acordado o pasado luns, a Xunta e as organizacións agrarias crearán un grupo de traballo para analizar sector por sector cales son os máis prexudicados non só pola seca senón tamén polos seus efectos no incremento dos custos de produción, de cara a aprobar -se fose necesario- apoios por parte do Goberno galego.
R.