Galicia reclama avances que permitan elevar as posibilidades de pesca da súa frota para 2024 fronte á proposta inicial que se negocia da Comisión Europea
O titular de Mar, que acompañado do director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, está a seguir xunto ao sector desde Bruxelas os debates malia non formar parte da delegación negociadora española -composta polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Goberno valenciano en representación das comunidades autónomas-, manifestou a súa esperanza de que se poda acadar un acordo positivo para a frota galega, aproveitando a oportunidade que supón a presidencia española do Consello da UE para mellorar a proposta e así acadar os obxectivos marcados que permitan atender ás necesidades da frota e garantir o seu futuro.
Alfonso Villares volveu a poñer en valor o esforzo da frota galega, unha das máis sustentables e das que mellor pesca do mundo, en base a criterios medioambientais pero tamén respectando os recursos e as condicións laborais.
Nesta xornada producíronse encontros con representantes do sector pesqueiro e coa secretaria xeral de Pesca, Isabel Artime. Ademais, mantense un contacto directo co conseller valenciano, José Luis Aguirre, que participa no cumio dentro da delegación negociadora española que lidera o ministro Luis Planas. Púxose de manifesto que entre os aspectos positivos están algunhas taxas plurianuiais, vella demanda galega, que permitirán mellor xestión da actividade pesqueira. Sen embargo, mantense a desconfianza polo feito de que as propostas para algunha delas se xeren en base a un recorte importante, como pode ser o caso do abadexo na zona do Cantábrico. Esta especie é, xunto co linguado e o merlán, tamén de interese para a frota galega, algunhas das que parecen centrar as principais discusións no cumio.
Desde a Xunta aportouse tanto ao sector como ao Ministerio toda a información sobre as pesqueiras de relevancia para Galicia co obxectivo de conseguir elevar finalmente a capacidade de capturas que se recolle no documento coa proposta inicial que trasladou a Comisión Europea e é a base da negociación.
Por exemplo, Galicia pide que se atenda ao impacto dos recortes e o peche no xurelo do Cantábrico e Gran Sol, que supuxeron un golpe de 11 millóns de euros ao sector e en especial á frota de cerco. Esta afección foi trasladada á Secretaría Xeral de Pesca do Ministerio para que puidese contar con ela no proceso negociador. Tamén se reclamou que se realice o estudo por zonas que se comprometeu a pasada campaña, que non se fixo e podería resultar determinante para poder establecer TAC diferentes segundo as áreas.
Tamén se reclamou que se recoñeza o papel que algúns Estados membros, como é o caso do español e especialmente Galicia e algunha otra comunidade autónoma, están a facer no relativo á anguía, pois non todos teñen o mesmo nivel de ordenación e xestión da pesqueira, e tamén deben recoñecer o impacto socioeconómico que ten en casos como o galego. Esta especie pasou a estar desde este ano sometida a dúas vedas trimestrais, cando antes era de tres meses.
R.