O desemprego volve situarse en Galicia por debaixo das 130.000 persoas no mellor marzo da serie histórica
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/emprego-froita.jpg)
A comunidade pechou marzo con 129.011 galegas e galegos desempregados. “Nunca antes a cifra de paro foi tan baixa nun mes de marzo”, indicou a conselleira, quen destacou que respecto de marzo de 2023 “hai menos galegos en paro nas catro provincias, nas sete cidades e en todos os sectores de actividade”.
A conselleira subliñou a baixada do paro en Galicia en marzo, tanto respecto de febreiro deste ano (-1,20%), como fronte a marzo de 2023 (-9,05%). Galicia foi, de feito, a 4ª comunidade con maior descenso anual en porcentaxe e persoas (-12.836 parados).
A representante autonómica apuntou ademais que a cifra de menores de 30 anos e de mulleres en desemprego é a máis baixa nun marzo desde que hai rexistros.
Na evolución anual, o paro rexistrado en marzo mantivo a tendencia á baixa en todos os sectores. Liderou o descenso a industria (-11,99%) seguida da construción (-11,09%). Respecto de febreiro deste ano, este descenso, tamén xeralizado, foi maior nos servizos e no sector primario.
No caso dos colectivos prioritarios caeu o paro no último ano entre os menores de 30 anos (-13,11%), nas mulleres (-10,41%), e nos parados de longa duración (-3,77%).
En canto ás afiliacións, a comunidade gañou máis de 18.000 cotizantes no último ano (6.577 no último mes) ata situarse en 1.061.595 de persoas, a maior cifra nun mes de marzo desde 2008.
“A Xunta está a facer un esforzo sen precedentes para ofrecer ao mercado laboral os perfís que necesita, modernizando o Servizo público de emprego con 8,5 millóns de euros orzamentados”, apuntou Rivo. Lembrou que o seu departamento abriu a semana pasada a nova oficina de emprego de Cangas e xa completou a implantación da ferramenta tecnolóxica EMi, que permite ao Servizo galego de emprego aproveitar as vantaxes da intelixencia artificial para unha mellor casación da demanda e da oferta laboral.
A Administración autonómica está a adaptar, por outra banda, a oferta de formación para o emprego ás necesidades do tecido produtivo, mediante o Plan Galego de Formación dotado en 2024 con máis de 117 millóns de euros e, tamén, a través da cooperación cos principais clústeres e asociacións empresariais e coa impartición de microformacións para captar e reter talento.
R.