Buscador
Noticias

A directora do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Covadonga Toca, participou hoxe na xornada de lanzamento da segunda edición da aceleradora Business Factory ClimaTech, iniciativa desenvolvida coa colaboración de Viratec -Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular- que busca consolidar Galicia como un hub de innovación en sustentabilidade e economía circular. Toca Carús destacou o impacto positivo do programa, que na súa primeira edición permitiu o desenvolvemento de proxectos con alto potencial de mercado e impacto ambiental.

Tivo lugar unha reunión do proxecto EdugalIA de intelixencia artificial no ensino, co obxectivo de ultimar os traballos para comezar o despregamento da IA no sistema educativo galego. A Xunta de Galicia logrou captar con este proxecto case 10 M de fondos europeos no proceso de Compra Pública Innovadora, o que converte a EdugalIA na segunda iniciativa galega con máis financiamento e a sexta de España entre os 20 proxectos que acadaron apoio. EdugalIA contará cun orzamento total de 16,5M (6,6 M achegados pola Xunta e 9,9 procedentes dos fondos europeos mediante FEDER plurirrexional) para despregar a intelixencia artificial na xestión educativa. O seu obxectivo é optimizar o deseño e a avaliación de políticas públicas e previr o abandono escolar mediante esta ferramenta.

Galicia aspira a reducir un 75% as emisións de dióxido de carbono antes de 2030 e que a xeración eléctrica renovable chegue ao 85% dentro do seu obxectivo de acadar a neutralidade climática en 2040. Estes son algúns dos retos recollidos no II Plan Rexional Integrado de Enerxía e Clima (PRIEC 2030), que foi presentado hoxe. Este segundo PRIEC pretende guiar de forma transversal as políticas galegas ao abeiro da Estratexia Galega de Cambio Climático e dar continuidade ao desenvolvido entre 2019 e 2024, que permitiu que Galicia reducise a emisión de gases de efecto invernadoiro a un ritmo tres veces superior ao de España e da UE así como que sexa a comunidade na que máis se reduciron as emisións contaminantes.

A Cidade da Cultura promove a estrea este venres de Mala vida e pior morte do rei Ricardo III, unha peza teatral que confronta con humor o cruel retrato da traxedia de Shakespeare protagonizada polo monarca inglés. O espectáculo, que esgotou entradas para esta fin de semana, compón o volume XII das Clásicas desfeitas, o ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura que revisa obras fundamentais da literatura desde unha óptica contemporánea. O actor e dramaturgo Evaristo Calvo, co-fundador do dúo cómico Mofa e Befa, pon a coroa nesta nova creación escénica para encarnar un Ricardo III que defende non ter sido nin tan malvado nin tan asasino como o quixeron facer ver Shakespeare e algúns historiadores da época.

A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á sétima semana do ano que determina que a intensidade da gripe continúa sendo baixa, mantendo unha tendencia estable. Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria aumentou un 14 % respecto da semana previa e fica en 59,2 consultas por 100.000 habitantes. O aumento da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, sendo máis salientable no de 0 a 4 anos. O grupo con maior taxa de consultas foi de 5 a 19 anos, con 125,3 por 100.000 habitantes. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi superior á da semana anterior en todas elas agás na da Coruña, na que permaneceu estable, e Santiago de Compostela e Ferrol, nas que descendeu.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou que trasladará ao comisario europeo de Pesca e Océanos, o chipriota Costas Kadis, que para Galicia é prioritario que a Unión Europea aposte por un desenvolvemento pesqueiro sostible e que compatibilice aspectos sociais e ambientais. Rueda fixo fincapé en que 'somos os primeiros interesados en coidar' uns recursos marítimos que 'necesitamos que se nos deixe seguir explotando'. Desde a primeira potencia pesqueira de toda Europa, Rueda transmitirá mañá en Bruxelas ao novo comisario a necesidade de que a Unión Europea promova un marco equitativo na extracción e comercialización pesqueira a nivel internacional, o chamado level playing field.

Tivo lugar hoxe a presentación danova edición do podcast literario Entreliñas, o programa en formato radiofónico impulsado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para dar a coñecer a actualidade literaria galega e a actividade das bibliotecas públicas. Trátase dunha fórmula atraente para achegarnos ao mundo do libro dunha maneira diferente cun formato que se adapta aos tempos de hoxe', e polo que xa teñen pasado autores e autoras como Marilar Aleixandre, Ismael Ramos, Estíbaliz Espinosa, María Solar, Ledicia Costas ou Dores Tembrás. Nesta edición dáse continuidade con nomes como a escritora Fina Casalderrey, que opta ao premio internacional Memorial Astrid Lindgren. Os oito capítulos que se emitirán a partir de abril tamén porán o foco nos grandes acontecementos de 2025.

A repotenciación dos 25 parques eólicos máis antigos de Galicia, por superar os 25 anos de antigüidade, permitirá a retirada de máis de 800 aeroxeradores da paisaxe galega, que quedan reducidos a unha media de 120. A día de hoxe, os cinco parques eólicos que hai en Galicia xa repotenciados están na provincia da Coruña: en Zas, Corme, Cabo Vilán, Malpica e entre Mañón e Ortigueira (Serra da Panda II). Á espera de coñecer os datos do informe anual de Rede Eléctrica, Galicia é a terceira Comunidade Autónoma con maior produción eléctrica a partir da forza do vento (9.086 GWh). A eólica foi a tecnoloxía renovable que máis GWh achegou durante 2023 ao mix enerxético autonómico, ata o 38,1 %.

Na actualidade, preto de 6.000 pacientes cardiolóxicos reciben asistencia a domicilio a través da plataforma TELEA, cuxo enfoque integral fai única esta ferramenta tecnolóxica a nivel internacional, tanto no ámbito sanitario como no socio-sanitario. O Servizo Galego de Saúde ten implantada en todas as áreas sanitarias a interconsulta electrónica en cardioloxía, unha ferramenta que favorece a conexión directa entre profesionais de atención primaria e hospitalaria e facilita o seguimento ou derivación do paciente cando sexa estritamente necesario.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou convocar unha nova edición do 'Bono alugueiro mocidade' por un importe de preto de 13 millóns de euros. Tal e como explicou a apertura do prazo de presentación de solicitudes comezará 'o vindeiro día 28 de febreiro' e prolongarase durante un mes, é dicir, remata o 28 de marzo. O obxectivo deste programa é facilitarlles aos mozos e mozas menores de 36 anos o pagamento da renda da súa vivenda habitual cunha axuda de 250 euros ao mes, sempre e cando esta contía non supere o importe que aboan en concepto de arrendamento.