Novas
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que o Consello aprobou hoxe o límite de gasto non financeiro da Comunidade Autónoma para o exercicio 2024, que ascende a 13.257 millóns de euros, un 5% máis que o orzamento do presente exercicio. “É dicir, aprobamos un ano máis o teito de gasto máis alto da historia”, resaltou. Rueda lembrou que a Conta Xeral de 2022 revela que a Xunta “fixo ben os deberes” na xestión dos recursos de todos os galegos “cumprindo o obxectivo de déficit e débeda sen renunciar a ofrecer servizos de calidade”. Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, asegurou que o obxectivo do Goberno galego é “dar certezas á cidadanía e ás empresas” neste contexto económico.
-
Galicia colle así o relevo de Italia e Francia, países convidados das edicións 2019 e 2021, no que é o maior evento bienal de deseño da península ibérica, que este ano ten a auga como tema central. Este fito permitirá reforzar a difusión e promoción do deseño galego a nivel internacional e tamén as sinerxías creativas co norte de Portugal, dada a relevancia que a Porto Design Biennale alcanzou nas súas dúas primeiras edicións nas que Galicia xa colaborou. No acto de apertura da mostra, o xoves día 19, será presentado tamén un ensaio de David Barro sobre a historia do deseño en Galicia que está coeditado pola Porto Desing Biennale e Experimenta Magazine e que terá unha versión dixital gratuíta en galego.
-
A Xunta convidou os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e management de 13 países ao evento profesional Focus Galicia para lles achegar a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio a través dun intenso programa de actividades que inclúe showcases, presentacións rápidas e reunións. O encontro desenvolverase en espazos de Santiago de Compostela e das Rías Baixas do 22 ao 24 de outubro, días previos á celebración na Coruña do Womex, o encontro itinerante de referencia mundial para a música tradicional e de raíz.
-
O proxecto europeo Down to Earth, do que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural é o socio líder, e no que están presentes entidades públicas e privadas de Eslovenia, Italia, Alemaña, Grecia, Países Baixos e Romanía, busca xestionar os problemas ambientais vencellados ao cambio climático en áreas rurais especialmente sensibles ao reto demográfico. As distintas entidades que participan, contan con competencias e responsabilidades, tanto directas como indirectas, sobre as cuestións nas que traballan. A procura de solucións para reducir o risco e o impacto das catástrofes medioambientais no rural despoboado e atraer poboación a aquel que estea ameazado por ditos desastres, son os seus obxectivos.
-
Os clientes do comercio galego de proximidade poderán descargar e empregar desde este luns 9 de outubro o Bono Activa Comercio, ao que a Consellería de Economía, Industria e Innovación destina 2,5 millóns de euros co obxectivo de incentivar a demanda e atraer nova clientela aos establecementos de proximidade. A iniciativa, coa que se prevé mobilizar 8,5 millóns de euros en vendas, ten tamén por obxectivo contribuír a reducir o impacto da inflación das familias. Cada persoa poderá descargar na web www.bonosactivacomercio.gal un bono desconto de 30 euros para as compras que realicen nos comercios adheridos, que suman xa máis de 4.000.
-
As titulacións que desexen acadar este selo, teñen que estar impartíndose de xeito interrompido como mínimo desde o curso 2018/19. Cada universidade poderá presentar un máximo de tres solicitudes antes de dous meses desde a publicación no DOG. O organismo autonómico establece oito criterios de avaliación: estratexia e resultados, currículo, deseño do proceso de ensino–aprendizaxe, profesorado, avaliación, inserción laboral, internacionalización e exposición da proposta. Cada un será valorado cun máximo de 10 puntos, agás estratexia e resultados, que puntuará ata 25 puntos; e exposición da proposta, cun máximo de 15. O selo terá unha vixencia de seis cursos académicos.
-
Está en marcha o Plan de Seguridade Viaria 2022-2025, posto en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para reducir ao mínimo as vítimas en accidentes e acadar o obxectivo de cero vítimas, é dicir, con 'visión cero'. Este plan, recoñecido como referencia nacional polo Observatorio Nacional de Seguridade Viaria, ten dúas metas fundamentais: diminuír o 25% do número de falecidos e feridos graves nas vías interurbanas e nas travesías con respecto a 2019, e reducir o 25% dos falecidos e feridos graves en usuarios vulnerables (peóns, ciclistas ou motoristas).
-
Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,7% no segundo trimestre do ano, a niveis do ano 2012 segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España. Galicia foi ao peche do segundo trimestre de 2023 a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é sete décimas inferior á rexistrada no primeiro trimestre do ano cando foi do 17,4%, e sitúase tamén, tres décimas por debaixo da ratio rexistrada ao peche de 2022 (17%).
-
A Consellería de Economía, Industria e Innovación conta con 3,34 millóns de euros para favorecer a implantación de tecnoloxías eficientes nas explotacións agropecuarias galegas, co que se agarda reducir os consumos polo menos un 10%. Estas axudas de concorrencia non competitiva, procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Energética, poden ser destinadas tanto á mellora da eficiencia enerxética nas instalacións de regadío como á mellora enerxética nas explotacións.
-
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, compareceu hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a petición propia para informar do inicio do curso 2023-24 no ensino non universitario. Na súa intervención, o responsable educativo da Xunta anunciou que a Formación Profesional marca un novo récord de alumnos ao superar por primeira vez os 64.500 estudantes. En concreto, a falta de pechar a matrícula definitivamente os vindeiros días, son 64.570. Isto representa 3.687 persoas máis que no ano pasado, cando se contabilizaron 60.883. A nova cifra supón un crecemento do 6% respecto ao curso previo e un 86% máis que no curso 2008-09, cando cursaban FP 34.746 alumnos.
- « primeira
- ‹ anterior
- …
- 9
- 10
- 11
- 12
- 13
- 14
- 15
- 16
- 17
- …
- seguinte ›
- última »