Noticias
-
O selo ‘Galega 100%’ naceu o 7 de febreiro de 2011 para identificar o leite galego de calidade diferenciada. O obxectivo é ofrecer un produto da maior calidade, en virtude dunha serie de controis dos servizos veterinarios oficiais da Xunta de Galicia, que vén garantido pola certificación de calidade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL). Trátase, pois, dunha aposta pola valorización do leite producido en gandarías inscritas no Rexistro Galego de Explotacións de Calidade Diferenciada, algo que o sector demandaba desde hai tempo. No seu primeiro ano de andaina o selo ‘Galega 100%’ xa era unha referencia no mercado, grazas a participación de marcas comerciais de primeira liña, como Leyma, Feiraco, Larsa e Deleite, ás que se foron unindo outras empresas que se poden ver <u><a href="http://www.ligal.es/es-es/Certificaciones/Documents/Galega%20100x100%20resumen%20productos%20con%20la%20MARCA%20190404.pdf" target="_blank">nesta ligazón</a></u>.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que a Xunta avalará ata 1.500 euros de anticipo aos traballadores cun ERTE autorizado e que aínda non cobraron as prestacións do Goberno central. Despois de que o Executivo galego leve semanas pedindo ao Goberno de España que axilice o pago das prestacións aos traballadores a cuxas empresas xa se lles aprobou o seu ERTE, Feijóo lembrou que na Comunidade hai máis de 200.000 traballadores afectados por un expediente de regulación temporal de emprego. “Hai miles de familias que aínda non cobraron e necesitan liquidez”, dixo, subliñando o acordo coas entidades financeiras para que os traballadores poidan solicitar un anticipo das súas prestacións de forma inmediata, de xeito que a Xunta avalará 1.500 euros por traballador, cun tope mensual de 750 euros.
-
O tráfico nas vías de altas prestacións de titularidade autonómica descendeu de media un 74% durante o estado de alarma, tal e como se desprende da análise de circulación entre o sábado 14 de marzo e o mércores 15 de abril en comparación co período equivalente de 2019. O descenso máis acentuado protagonízano os vehículos lixeiros, que caeron de media un 77%, mentres que a redución de vehículos pesados é do 39%. A intensidade media diaria foi de 2.724 coches, en comparación cos 10.617 rexistrados en 2019. Nas xornadas laborais deste intervalo a intensidade media diaria de tráfico acada os 3.276 vehículos, fronte aos 11.055 rexistrados nos mesmos días do ano anterior.
-
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, e o de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, mantiveron hoxe unha videoconferencia cos representantes do Clúster Turismo de Galicia, encabezado polo seu presidente, para avaliar as necesidades do sector como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus. Trátase dun encontro enmarcado na rolda de contactos posta en marcha pola Xunta para avanzar de xeito conxunto no deseño de medidas, coñecendo de primeira man as súas achegas. No transcurso desta xuntanza avaliáronse as principais demandas do sector, tendo en conta que o escenario de saída do estado de alarma, que deberán concretar as autoridades sanitarias, poderá condicionar a súa actividade.
-
A Xunta iniciou hoxe o primeiro envío de mascarillas tanto a empresas como autonómos dos sectores que retomaron o traballo o pasado luns. Así, antes da fin de semana serán repartidas 350.000 mascarillas aos clusters e asociacións que pecharon as súas peticións no día de onte. Segundo avanzou Alfonso Rueda, a previsión é acadar o envío de preto de 2 millóns de mascarillas ao longo da semana que vén, un material que foi adquirido directamente pola Xunta de Galicia. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantiveron esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes de clusters galegos na que abordaron as necesidades de material do tecido produtivo.
-
A Xunta de Galicia vén de solicitarlle ao Goberno do Estado traballar nun marco común estatal que estableza os criterios básicos de privacidade e interoperabilidade que deben garantir as diferentes aplicacións das CCAA sobre o uso da tecnoloxía e os datos para combater superar a crise do COVID-19. Así llo trasladou esta mañá a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, á Secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Carme Artigas, durante a xuntanza interterritorial convocada por este departamento para abordar as iniciativas de dixitalización relacionadas co Covid19.
-
Anunciouse hoxe a creación da rede “Mercaproximidade”, unha canle alternativa de comercialización creada pola Xunta e concibida para os produtos agrogandeiros galegos que viron reducidas as súas vendas por mor do peche da hostalaría e os mercados municipais durante a emerxencia sanitaria. A orde vén culminar as xuntanzas por videoconferencia que mantivo nos últimos días o conselleiro do Medio Rural, José González, tanto coas organizacións profesionais agrarias galegas con representación no Consello Agrario como coas grandes cadeas de distribución que operan en Galicia e que xa se sumaron á iniciativa. Ademais, a iniciativa segue aberta a aquelas cadeas que desexen sumarse a ela.
-
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo esta mañá unha reunión con representantes de AJE Galicia e das súas principais delegacións dentro da rolda permanente de contactos que o Goberno autonómico está realizando cos principais axentes económicos e sociais para dar respostas áxiles, eficientes e consensuadas ante o escenario actual. Entre outros asuntos, durante a videoconferencia, abordouse o retorno hoxe á actividade dos sectores non esenciais. Neste sentido, a Xunta, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), elaborou unha nova guía de recomendacións preventivas de saúde laboral ante o coronavirus co obxectivo de garantir a saúde das persoas traballadoras.
-
O Goberno galego vén de definir os integrantes da comisión de expertos que vai a asesorar á Xunta sobre como minimizar o impacto da crise derivada do Coronavirus e estar preparados para a recuperación económica. O obxectivo é que o órgano se reúna xa a vindeira semana de xeito telemático para empezar a traballar. A comisión é un órgano asesor que se pon en marcha coa finalidade de estar preparados para, unha vez superado o coronavirus, iniciar unha recuperación paulatina da economía galega e do mercado laboral. Entre outras cuestións, solicitarase apoio ao respecto da determinación do impacto económico que a emerxencia sanitaria e as medidas de restrición van ter na economía galega.
-
O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo esta mañá unha reunión por videoconferencia con representantes das grandes cadeas de distribución alimentaria con presenza en Galicia. Nel participaron pola cadea Vegalsa –Eroski, Jorge Eiroa; por Gadisa, Santiago Codesido; por Froiz, Manuel Aris; por Carrefour, Francisco Couso e por El Corte Inglés, Pati Blanco. Este encontro, que se inicia con estas cadeas distribuidoras, pero a iniciativa está aberta a calquera outra que teña interese en colaborar, serviu para pechar os detalles dun acordo que servirá para impulsar a compra e fomentar o consumo de produtos agroalimentarios galegos, dándolles así unha nova saída tras o peche da hostalaría e dos mercados municipais.