Noticias
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, veñen de remitir unha carta ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, na que reclaman diferentes medidas fiscais de apoio ao sector primario, de aplicación inmediata, para facer fronte ás dificultades que se lle presentan no actual estado de alarma. Na misiva comezan amosando o apoio ás diferentes medidas adoptadas polo Goberno central, pero reclamando ao tempo a necesidade de contar coas comunidades autónomas no seu deseño e aplicación. Así, proponse que “de agora en diante” este tipo de decisións sexan previamente comentadas e consensuadas coas autonomías, de cara a unha mellor adecuación ás características de cada territorio.
-
Alberto Núñez Feijóo informou da activación de 3 millóns de euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos innovadores vinculados ao coronavirus, así como o impulso da fabricación inmediata de medios de protección, a través de axudas que faciliten ás pemes galegas a reorganizar a súa produción e axustarse ás necesidades do mercado. Feijóo resaltou que en total presentáronse 160 iniciativas para producir material sanitario, das cales se preseleccionaron 11 que inclúen proxectos para desenvolver láminas que poidan protexer diferentes superficies fronte ao virus; novos sistemas para respiradores; sistemas de detección rápida; máscaras capaces de filtrar o virus; ou iniciativas de cartografía sobre o risco de contaxio.
-
O Comité pretende aproveitar as capacidades da industria galega para a fabricación do equipamento que máis se está necesitando nos centros hospitalarios, nos centros de atención a maiores e persoas con discapacidade, e noutros lugares de traballo: EPIs, luvas, mascarillas, produtos desinfectantes ou pezas para respiradores. As propostas estanse canalizando a través da plataforma Marketplace que está xestionando xa 55 propostas viables. Destacan os EPIS doados por Ceaga, as batas médicas xestionadas polo clúster téxtil Cointega, os mandís impermeables que fabrica a industria do plástico, pantallas protectoras, respiradores que están fabricando Bendix e Cinfa, ou o pedido de mascarillas no que colabora Gabadi.
-
Alberto Núñez Feijóo anunciou que Galicia contará cun comité de expertos no ámbito económico para asesorar á Xunta sobre o impacto da crise do COVID-19 e avaliar medidas. “Temos que deseñar medidas para a recuperación paulatina da nosa economía, xestionar a emerxencia sanitaria e ir pensando nas semanas posteriores ao levantamento do estado de alarma”, abundou. Feijóo subliñou que este comité contará con expertos do ámbito académico, do ámbito da sociedade civil, da sociedade empresarial e con persoas vinculadas ao Círculo de Empresarios de Galicia, ao Foro Económico de Galicia e a Asociación da Empresa Familiar de Galicia, entre outras institucións, e por parte da Xunta estará todo o equipo económico do Goberno.
-
Unha das facetas máis complexas da loita contra o COVID-19 é comprender como se comporta o virus e como pode evolucionar. Con este obxectivo, o grupo de investigación MODESTYA da USC desenvolveu un modelo preditivo do Coronavirus, que está dispoñible nunha <a href="http://modestya.securized.net/covid19prediction/" target="_blank"><u>aplicación web interactiva</u></a>. A ferramenta permite predicir a evolución do virus nun horizonte temporal de tres días, baseándose no seu comportamento nos quince días anteriores. Este modelo de predición de casos futuros serve para coñecer a situación de España, pero tamén do resto de países ou rexións do mundo e por comunidade autónomas dentro do Estado. A base de datos empregada para alimentar esta ferramenta usa os casos diarios confirmados e falecidos por rexión, extraídos da evolución da pandemia en todo o mundo.
-
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde , pediu hoxe ao Goberno central que rectifique e solicita que transfira a Galicia os 100M€ que lle corresponden para formación, permitindo, deste xeito, a reactivación do mercado laboral galego unha vez se supere a crise do COVID-19. Coa súa decisión o Executivo estatal racha as oportunidades para que Galicia e o seu tecido produtivo poidan saír da situación actual nas mellores condicións posibles, xa que a mellor política social que se pode desenvolver é unha política de emprego para a que eses 100M€ son fundamentais de cara a impulsar a formación, xerando oportunidades a empresas e traballadores.
-
O Ministerio de Facenda vén de confirmar que Galicia é a comunidade autónoma que mellor pagou as súas facturas durante o ano 2019, tal como mostran os datos do Informe mensual sobre plazos de pago a proveedores y deuda comercial de las Comunidades Autónomas, publicado hoxe. En concreto, o período medio de pago (PMP) de Galicia no conxunto do ano 2019 situouse en 19 días, o que supón o tempo máis baixo das 17 comunidades autónomas. Pola contra, este indicador ascendeu a 37,4 días na media autonómica, o que confirma que Galicia pagou de media as súas facturas na metade de tempo que o conxunto das comunidades. Ademais, Galicia mantívose por debaixo do límite de 30 días que establece a lexislación estatal.
-
A Xunta activa, mediante a publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a nova liña de financiamento destinada a inxectar liquidez a pemes e autónomos para que poidan facer fronte ás consecuencias provocadas pola situación de emerxencia sanitaria na súa actividade empresarial. A partir de mañá, as empresas e o colectivo autónomo galegos poderán solicitar os apoios que ofrece para atender as necesidades máis inmediatas, como o pago de salarios, facturas, alugueiros ou impostos. Cunha dotación de 30 millóns de euros, a nova liña permitirá a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos entre o tecido empresarial galego, que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego.
-
Galicia reduciu no ano 2019 a súa ratio de débeda/PIB por terceiro ano consecutivo e incluso logrou baixar o seu volume de débeda por primeira vez en máis de 30 anos, xa que é a primera baixada que se rexistra desde o ano 1988, segundo mostran os datos oficiais publicados polo Banco de España. A ratio de débeda/PIB de Galicia mellorou seis décimas no último ano, ao pasar do 18,1% ao 17,5%, o que supón o nivel de endebedamento máis baixo desde o ano 2013. O volume de débeda da Comunidade Autónoma tamén se reduciu no último ano, ao pasar de 11.342 a 11.315 millóns de euros, un 0,24% menos. Galicia conseguiu acadar estas dúas baixadas –na ratio débeda/PIB e no volume de débeda– pese ao impago de máis de 200 millóns de euros do IVE de 2017 non aboado polo Goberno central o pasado ano.
-
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, coa colaboración da app Gohu, vén de activar unha canle de novas dirixida a empresas e autónomos a través da que poderán recibir toda a información de interese relacionada coas medidas que se están a adoptar desde a Xunta -especialmente no ámbito económico e laboral- con motivo do estado de alarma polo coronavirus. As persoas interesadas deben descargar a aplicación desde Google Play Store ou Apple Store; crear un usuario; e introducir o enderezo postal. Deste xeito, a plataforma poderá enviar a información ao usuario e este recibila en tempo real.