Noticias
-
O programa Reactiva Comercio, Turismo e Servizos Seguros, da Xunta de Galicia, vai favorecer a reactivación de máis de 27.000 establecementos galegos, PEMES e autónomos que poderán instalar medidas de protección nos seus locais para clientes e traballadores, para dar a maior confianza aos consumidores neste etapa poscovid-19. Trátase dun programa de axudas cun importe de 16 millóns de euros, no que participan as Consellerías de Economía, Emprego e Industria; Cultura e Turismo; e Infraestruturas e Mobilidade. Os autónomos e PEMES dos sectores comercial, turístico, servizos e transporte, poden solicitar estas axudas que inclúen un anticipo dun 50% dos investimentos no momento da resolución favorable.
-
O Banco de España volve situar a Galicia como a terceira comunidade de réxime común con menor endebedamento de España, tal como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo publicados polo organismo regulador. En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia sitúase no 18,1% ao peche do primeiro trimestre do ano, seis puntos menos que a media autonómica (24,1%) e só superior ao de dous comunidades de réxime común, Madrid e Canarias. A ratio de débeda/PIB de Galicia no primeiro trimestre é inferior en dúas décimas ao rexistrado no mesmo período de 2019 (18,3%).
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe unha xuntanza por videoconferencia con representantes da Alianza Pesqueira Europa (EUFA) e de distintas entidades pesqueiras galegas na que analizou a falla de avances na negociación da Unión Europea co Reino Unido sobre o brexit e na que apelou a manter a unidade de acción do sector pesqueiro europeo ante este escenario. Con ese obxectivo, a titular de Mar anunciou que Galicia asinará unha segunda declaración en favor das comunidades pesqueiras ante o brexit -a coñecida como declaración de Santiago- para que o sector conte cunha posición de forza na defensa dos seus intereses.
-
Galicia demanda ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación que medie ante o Ministerio de Asuntos Exteriores, UE e Cooperación para que realice as xestións necesarias ante as institucións comunitarias co obxectivo de que a consecución dun acordo pesqueiro que defenda os intereses da frota española sexa un asunto prioritario na negociación das autoridades europeas co Reino Unido. Neste sentido, a conselleira do Mar, Rosa Quintana salientou a importancia de que os responsables do Executivo comunitario, como a nova directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, sexan conscientes da transcendencia económica e social que o sector pesqueiro ten en rexións como Galicia.
-
A Xunta de Galicia decidiu hoxe retrasar unhas semanas a entrada en funcionamento das discotecas e dos restantes establecementos de ocio nocturno, de xeito que a apertura deste tipo de locais estará autorizada a partir do vindeiro mes de xullo. Tras unha reunión interdepartamental na que a Consellería de Sanidade expuxo un informe relativo a este tema, o presidente da Xunta fixo uso da súa capacidade como autoridade competente delegada e asinou o Decreto polo que Galicia apraza a apertura de discotecas e establecementos de ocio nocturno.
-
Alberto Núñez Feijóo pediu ao Goberno central que elimine a taxa de reposición nas OPE de Sanidade e de Servizos Sociais para este 2020, e se non fose suficiente nas OPE de 2021. “Sería facer xustiza coas persoas e cos colectivos que máis traballaron durante a pandemia, contratados cunha temporalidade que nós non queremos”. Pediu tamén a baixada do IVE para o sector turístico, cunha redución do 10 ao 4% para servizos como a hostalaría, os balnearios ou a restauración, “este ano e o seguinte, é dicir, ata o 31 de decembro de 2021”. Durante a 13ª videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo reiterou tamén que nin Galicia, nin España se poden permitir perder ningún posto de traballo nas industrias que son viables economicamente, referíndose a Alcoa e ás decenas de empresas instaladas no litoral, como as conserveiras, os frigoríficos ou Ence.
-
A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, participou nos últimos días nunha reunión telemática da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) con varias entidades europeas e co presidente da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, Pierre Karleskind, na que explicou as necesidades dos sectores marítimo-pesqueiro e da acuicultura de Galicia e as medidas adoptadas neste eido fronte á crise do coronavirus. Na súa intervención Isabel Concheiro advertiu da necesidade de articular unha cantidade económica maior dentro do futuro Fondo Europeo Marítimo e de Pesca 2021-2027 con posibilidade de adianto coa finalidade de facer fronte ás axudas necesarias para garantir a dinamización e a competitividade do sector nesta nova sociedade e mercado derivada da alerta sanitaria da covid-19.
-
Galicia logra diminuír o paro en maio un 0,29% con respecto ao mes de abril, o que supón 547 desempregados menos e segue situándose a niveis inferiores aos de hai 11 anos. Este dato posiciona a Galicia como a quinta Comunidade cun mellor comportamento en termos absolutos e a sexta en relativos fronte ao incremento do desemprego a nivel nacional nun 0,69%. O paro tamén baixou nas provincias de Pontevedra e da Coruña e na cidade de Vigo. Os efectos da covid-19 seguen manténdose no sector servizos, o único no que medra o desemprego (+0,15%), que diminúe na construción (-4,65%), a agricultura e a pesca (-1,46%) e a industria (-0,50%).
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pediu hoxe que sexan as comunidades as que xestionen o ingreso mínimo vital para garantir que chegue con axilidade ás familias que peor o están a pasar. Nesta liña, recordou que Galicia ten unha renda de inclusión social desde hai case 30 anos: “Temos experiencia de xestión, temos profesionais públicos e estamos xestionando as pensións non contributivas que están financiadas con cargo ao Estado”, aseverou. O titular do Executivo galego expresou o seu desacordo cos “volantazos” que, ao longo das últimas semanas, se sucederon no seu deseño, afirmando que non é respectuoso que se xogue coas prestacións de primeira necesidade que están destinadas a todos os españois, vivan na comunidade autónoma que vivan.
-
O Centro de Coordinación Operativa (Cecop) acordou incrementar o aforo dos locais de hostalaría e restauración ata o 50% a partir deste luns. O acordo chega despois de que nas instrucións publicadas no BOE para os territorios na fase 2 da desescalada, o Goberno central autorizase ás distintas Comunidades a modificar o aforo máximo no interior destes establecementos, ben reducíndoo ao 30% ou ben incrementándoo ata o 50%. Así, se acordou na reunión presidida polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e que contou con representación da Delegación de Goberno e da Fegamp, onde se indicou que na toma desta decisión o Goberno galego tivo en conta opinión de representantes do sector turístico.