Noticias
-
Galicia é a segunda comunidade autónoma que rexistrou maior incremento do PIB per cápita en 2019, e isto permitiu acadar un nivel de converxencia en renda con España do 90,9%, o maior da serie histórica, segundo indican os datos de Contabilidade Rexional publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística. En 2019 o PIB per cápita de Galicia medrou un 3,67% respecto a 2018, ao pasar de 23.183 a 24.034 euros. Isto supón o segundo maior avance de todas as comunidades autónomas, só superado por Navarra (4,15%) e nove décimas superior á media española (2,76%). Con esta evolución, o PIB per cápita de Galicia pasa a representar o 90,91% da renda española. Este é o maior nivel de converxencia en renda con España de toda a serie histórica, e tamén é o segundo ano consecutivo en que se supera a barreira do 90%, un feito que se produciu por primeira vez no ano 2018 (90,11%).
-
A Xunta de Galicia considera totalmente insuficiente a asignación á Comunidade Autónoma do primeiro tramo do Fondo Covid, publicada hoxe no BOE polo Ministerio de Facenda, xa que penaliza a Galicia no reparto deste tramo de 6.000 millóns de euros para gasto sanitario. A Xunta de Galicia considera positiva a creación dun Fondo Covid para as comunidades autónomas, pero discrepa totalmente da metodoloxía utilizada polo Ministerio de Facenda no reparto destes fondos. O Goberno central cambiou de xeito unilateral os criterios de reparto utilizados no sistema de financiamento autonómico e no primeiro reparto de fondos Covid aprobado en marzo, e este cambio penaliza claramente a Galicia, como xa advertiu a Xunta en reiteradas ocasións e mesmo se lle trasladou ao Goberno.
-
Representantes do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) veñen de reunirse cos seus homólogos do SERIDA asturiano e do CIFA cántabro, así como con membros do Centro Tecnolóxico da Carne, para avanzar no desenvolvemento dun proxecto que busca fomentar o pastoreo na montaña como medio para anticiparse aos incendios forestais e mellorar a produtividade animal. O encontro, que tivo lugar no centro dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), concluíu cunha visita á Estación Experimental Agrogandeira de Montaña do Marco da Curra.
-
Entre as decisións acadadas destaca a aprobación do Plan de Traballo da AECT para 2020, cunha nova convocatoria do Programa IACOBUS, para realizar novas estadías de docentes e investigadores galegos e portugueses en Universidades, intitutos politécnicos e centros tecnolóxicos da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal. No próximo curso darase unha atención especial aos traballos que teñan como finalidade mellorar o coñecemento e as actuacións para defendérmonos mellor de situacións como a pandemia que estamos a vivir. Ademais, prestarase unha atención especial á cultura da Eurorrexión, con actividades como o premio literario NORTEAR, ou os intercambios expositivos entre artistas da Eurorrexión.
-
A iniciativa terá lugar o luns 10 de agosto en Negreira, en concreto no recinto de Galicia Espectáculo no Polígono Industrial de Covas. No encontro gastronómico, ao que asistirán os chefs, participarán unha vintena de empresas do sector enogastronómico da Comunidade. A degustación estará acompañada de diversas actuacións cumprindo en todo momento os protocolos de seguridade hixiénico-sanitaria. Previamente, durante esa mesma mañá, os chefs tamén realizarán unha andaina polo Camiño de Fisterra e Muxía, facendo parada en Ponte Maceira, considerada unha das vilas máis bonitas de España e un dos emprazamentos máis destacados deste itinerario xacobeo que a Xunta prevé recoñecer proximamente como Ben de Interese Cultural (BIC).
-
A convocatoria da edición 2020 do programa Emega de impulso ao emprendemento feminino mantén aberto o prazo de presentación de solicitudes ata o vindeiro 6 de agosto. A convocatoria deste ano, na que a USC toma parte a través do programa Woman Emprende, reforza a denominada ‘liña Activa’ destinada a axudar ás empresas que están a atravesar unha situación económica adversa que se viu agravada como consecuencia da crise sanitaria da COVID-19; e flexibiliza os criterios de acceso sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos ademais de valorarse o emprego mantido neste período. Alén da ‘liña Activa’, o programa Emega implementa outras tres liñas.
-
Na reunión analizáronse as propostas e achegas que están a ser incluídas no Plan de reactivación á cooperación de proximidade, un documento elaborado en coordinación con todos os actores da cooperación transfronteiriza que persegue paliar o impacto do peche, durante varios meses, da fronteira entre España e Portugal por mor da crise do sanitaria da covid-19. Trátase da terceira das reunións mantidas para elaborar o Plan de reactivación na fronteira Galicia-Norte de Portugal, elaborado pola AECT da Eurorrexión. A primeira celebrouse no concello de Tomiño o pasado 18 de xuño e a segunda tivo lugar na Eurocidade Chaves-Verín o 2 de xullo. A AECT da Eurorrexión foi constituída pola Xunta de Galicia e a Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal para impulsar a cooperación transfronteiriza entre os dous territorios.
-
A terceira edición da BFAero adaptase á nova realidade, incentivando proxectos destinados á loita contra a covid-19. En total, seleccionaranse 7 proxectos (tres en incubación e 4 en aceleración) que disporán de servizos de titoría e mentorización, acceso ás instalacións do aeródromo de Rozas e aos equipos da Civil UAVs Initiative e asesoramento tecnolóxico de empresas tractoras líderes do sector como Indra e Babcock, ademais da posibilidade de realizar coworking e recibir formación plena. A convocatoria permanecerá aberta ata o vindeiro 22 de outubro. Con esta convocatoria ratifícase a Galicia e a Lugo como epicentros da innovación e do emprendemento no sector aeroespacial, cunha aposta decidida polo talento e pola innovación.
-
Un dispositivo para minimizar o contacto con superficies como pantallas informativas ou máquinas de vending, un supermercado online que mellore a experiencia de compra a través da simulación en 3D e unha aplicación para organizar feiras virtuais son os tres proxectos que resultaron seleccionados no HACKatHOME, o evento en liña no que a Xunta de Galicia xuntou durante catro xornadas a persoas de diferentes ámbitos relacionados coa innovación, co apoio de empresas tecnolóxicas, universidades e centros tecnolóxicos, para desenvolver solucións innovadoras que dean resposta ás necesidades xeradas polo coronavirus na industria, o comercio e o emprego.
-
Galicia diminúe o paro en xuño un 3,36% con respecto ao mes de maio, o que supón 6428 desempregados menos e segue situándose a niveis inferiores aos de hai 11 anos. Este dato posiciona Galicia como a Comunidade na que máis descende o desemprego en termos absolutos, mentres que ascende lixeiramente -un 0,13%- no conxunto do Estado. O paro tamén baixou nas catro provincias, en concreto un 4,90% en Pontevedra, un 2,66% en Ourense, un 2,50% na Coruña e 1,50% en Lugo. Galicia volve reducir as cifras do paro en todos os sectores de actividade encabezando este descenso a construción (-5,96%), seguida dos servizos (-3,91%), a industria (-3,68%) e a agricultura e a pesca (-0,33%).