Noticias
-
O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e o Valedor do Pobo colaborarán un ano máis co fin de intercambiar información de forma áxil e fluída sobre as persoas afectadas en Galicia por procedementos de execucións hipotecarias e desafiuzamentos por impago. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a valedora Dolores Fernández, veñen de asinar un novo convenio de colaboración nesta materia co que se lle dará continuidade á liña de traballo conxunta que manteñen aberta ambos organismos desde o ano 2015. O obxectivo é dobre. Por unha banda, renovar o marco de colaboración establecido entre o IGVS e a institución parlamentaria para garantir unha mellor atención e información ás familias afectadas sobre os seus dereitos e as actuacións e medidas desenvolvidas por parte da Xunta para responder a este tipo de situacións.
-
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o modelo normalizado para que as empresas que se atopan nun expediente de regulación de emprego temporal (ERTE), con orixe na covid-19, e dependan das actividades protexidas polo último Real decreto lei do Goberno de medidas sociais en defensa do emprego, soliciten o seu recoñecemento como integrantes ou dependentes da súa cadea de valor. As entidades deben cursar a súa petición por medios electrónicos antes do 19 de outubro. De ser recoñecidas, poderán beneficiarse de exoneracións nas cotas do 85% -no caso de contar con menos de 50 traballadores- e de ata o 75% para as de maior tamaño. Poden realizar a solicitude todas aquelas empresas con expedientes de regulación temporal de emprego a causa da pandemia.
-
A Xunta de Galicia habilitará un teléfono de atención ao cidadán para facilitar información e asesoramento legal aos propietarios que se vexan afectados pola ocupación das súas vivendas. Así a anunciou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, quen explicou que o seu departamento xa contactou co Consello da Avogacía Galega co fin de establecer un protocolo de colaboración que garanta aos cidadáns unha atención personalizada e con todas as garantías en casos deste tipo. Antes de participar nunha reunión do Observatorio da Vivenda de Galicia, un organismo dependente do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para favorecer o intercambio de información e propostas neste eido, Vázquez Mejuto asegurou que a Xunta está moi preocupada polo fenómeno da ocupación ilegal e como se ten agudizado na Comunidade galega.
-
Galicia pechou o mes de setembro cunha caída do paro do 0,21% (377 desempregados menos) e cun incremento na contratación indefinida (+33,03%) e a tempo completo (+29,74%). Ademais, Galicia, na actualidade, supera o millón de afiliacións á Seguridade Social, situándose a un nivel superior ao de hai nove anos (setembro de 2011). Con respecto á comparativa mensual do paro, a baixada rexistrada supón o mellor resultado acadado en toda a serie histórica, desde 1996, xa que ata o de agora o desemprego en Galicia a nivel mensual medraba, polo que este mes a tendencia invértese.
-
Tivo lugar o peche da xornada virtual Oportunidades do sector aeronáutico: Business Factory Aero organizada pola aceleradora do sector aeroespacial Business Factory Aero (BFAero) en colaboración coa Escola Técnica Superior de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade Politécnica de Madrid. A directora da Axencia Galega de Innovación, (Gain), Patricia Argerey, animou aos participantes a presentar os seus proxectos innovadores á terceira edición da BFAero, que pecha o vindeiro 22 de outubro, co obxectivo de converter Galicia nun referente neste ámbito e atraer talento e fomentar o emprendemento nesta cadea de valor con gran potencial de crecemento. Actualmente estanse a desenvolver doce proxectos procedentes de distintos tipos de entidades (centros tecnolóxicos, universidades, así como empresas que xeraron unha spin-out).
-
Galicia recibiu no mes de agosto medio milleiro de viaxeiros (532.867) que fixeron un total de 1,4 millóns de pernoitas, o que supuxo que a demanda de aloxamento en Galicia resistise mellor que a media española, cunha diferencia de 20 puntos mellor que o conxunto do Estado, segundo os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). En concreto, o descenso da demanda hoteleira na comunidade situouse no 36,4% fronte ao 56,3% do conxunto do Estado. Estes datos destacan o bo traballo do sector turístico en Galicia nas circunstancias actuais marcadas pola covid-19.
-
O Banco de España volve situar á Comunidade Autónoma de Galicia como a terceira comunidade autónoma de réxime común con menor endebedamento de toda España, tal como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo organismo regulador. En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia sitúase no 19,6% ao peche do segundo trimestre do ano. Galicia amplía así o diferencial coa media autonómica, sendo 6,5 puntos inferior á media de comunidades (26,1%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.
-
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou nun encontro coa directora xeral de Asuntos Marítimos e Pesca (DG Mare) da Comisión Europea, Charlina Vitcheva, no que lle trasladou a necesidade de apostar polo aspecto social na futura reforma da Política Pesqueira Común (PPC) atendendo de forma preferente ás persoas do sector pesqueiro e impulsando a remuda xeracional. A titular de Mar expuxo este e outros asuntos de actualidade no eido marítimo-pesqueiro galego no marco dun encontro celebrado ao amparo do grupo de traballo de pesqueiras da Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas (CRPM) de Europa.
-
O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC de Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, presentaron nunha rolda de prensa na que participaron o Delegado Territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e a alcaldesa da cidade, Inés Rey, as bases da licitación do plan director da Cidade das TIC e do proxecto construtivo do Centro de Servizos Avanzados, o primeiro dos edificios que se porán en marcha. O reitor presentou ademais a páxina web específica do proxecto, que ofrece toda a información da Cidade das TIC e do seu desenvolvemento.
-
A aprobación da Conta xeral da Comunidade Autónoma ratifica que Galicia cumpriu no exercicio 2019 os obxectivos de déficit e débeda pública recollidos no seu orzamento, liquidando o exercicio cun déficit do 0,1% do PIB e cunha taxa de endebedamento do 17,5%. Deste xeito, Galicia sería a Administración autonómica que pagou en 2019 con máis axilidade aos seus provedores, cun período medio de pago de 19 días fronte aos 37,4 días da media das CCAA. Este balance financeiro reflicte tamén que o grao de execución do orzamento consolidado de gasto foi do 96,4%.