Noticias
-
O informe 'Mortalidade empresarial en Galicia, 1972-2008. Factores de impacto e xestión do risco', dirixido polo catedrático da USC, Xoán Carmona Badía, coa colaboración do profesor e investigador Adrián Dios Vicente, revela que, das 122 empresas privadas con máis de 100 traballadores que operaban en Galicia no ano 1972, tan só o 28% continuaba operativa no ano 2008. Máis do 70% das grandes empresas galegas dos sectores da pesca, a construción e a industria manufactureira non sobreviviron ao cambio de século. Son sete os motivos: cambio tecnolóxico e cambio de industria, problemas financeiros, cambio institucional ou regulatorio, sucesión e mala xestión, shocks externos, absorción e insuficiente política de xestión do risco.
-
Os datos do terceiro trimestre da Enquisa de Poboación Activa (EPA), facilitados polo Instituto Galego de Estatística (IGE), reflicten que Galicia, pese á crise sanitaria, logrou crear emprego de calidade e diminuír a taxa de paro, que se sitúa nun 11,80%, mellorando en 4,46 puntos a do Estado (16,26%). A directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado, valorou hoxe estas cifras e destacou que a estabilidade de Galicia e as políticas de emprego que desenvolve a Xunta permitiron crear traballo. Con respecto ao segundo trimestre deste ano, a ocupación en xeral creceu en 32.200 persoas (+3,07%), recuperando practicamente o descenso rexistrado no trimestre anterior. Os traballadores con contrato indefinido medraron en 1.800 persoas (+0,27%) e a ocupación a tempo completo creceu en 37.200 ocupados máis (+4,09%).
-
Un total de 85 proxectos aplicables ao sector aeronáutico e dos vehículos non tripulados optan a formar parte da terceira edición da Business Factory Aero (BFAero), impulsada pola Xunta dentro do polo aeroespacial de Galicia, tras pecharse o prazo de presentación de solicitudes. Así, a aceleradora bate o seu récord de participación e practicamente duplica as cifras das dúas anteriores convocatorias, nas que se inscribiran 54 e 40 proxectos seleccionables, respectivamente.
-
O turismo galego resistiu mellor o mes de setembro que o conxunto de España, cun diferencial positivo de 18 puntos nas pernoctacións, segundo os datos publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Así, se en Galicia o descenso das noites en establecementos hoteleiros baixou un 60% respecto ao mesmo mes do ano pasado, na media nacional a baixada acadou o 78%. Galicia segue a conter a caída xeneralizada, ao igual que nos meses de xullo e agosto, nos que se situou 24 por debaixo que a nivel nacional. En canto á ocupación hoteleira, a influencia da covid-19 supuxo un descenso interanual de arredor de 27 puntos, pero en España a baixada foi 14 puntos superior ao caer máis dun 40%.
-
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe 108 proxectos cos que Galicia podería optar aos fondos europeos de reconstrución. Máis dun centenar de iniciativas que, grazas á colaboración público-privada, mobilizarían un total de 9.400 millóns de euros. No tocante aos proxectos, subliñou que, seleccionados en catro eixes para dar resposta aos retos sanitarios, económicos, sociais e medioambientais derivados da crise xerada pola pandemia, centraranse en catro eidos: na modernización do tecido produtivo, na mobilidade sustentable e na transición ecolóxica, nunha Galicia máis cohesionada social e territorialmente e nunha administración dinámica e dixital.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe un Plan de rescate, dotado con máis de 70 millóns de euros, para axudar á actividade económica de máis de 30.000 autónomos e de 10.000 microempresas. Durante a clausura da sétima edición da xornada El mundo que viene, organizada por APD, Feijóo trasladou a preocupación polo emprego, “que se está destruíndo de forma masiva”, e incidiu en que agora é cando a sintonía e a cooperación entre a política e a economía debe ser máis fluída que nunca. “Agora a política e a economía deben ir máis da man se cabe, porque de como respondamos a esta emerxencia sanitaria dependerá o mundo que vén”, abundou.
-
Nesta edición da BFFood, primeira aceleradora galega da alimentación promovida pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, e coordinada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), impulsaranse ata 16 iniciativas, dez na fase de aceleración e seis na fase de consolidación, mediante programas específicos de apoio de nove e doce meses de duración, respectivamente. O prazo de presentación de propostas para esta edición remata o 11 de xaneiro do 2021. A edición presentada hoxe conta co apoio de empresas tractoras do sector como Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, CAPSA FOOD, Clavo Food Factory, CLUN Cooperativas Lácteas Unidas, Congalsa, Dairylac, Gadis, Kiwi Atlántico, Quescrem, Nueva Pescanova, Torre de Núñez e Viña Costeira.
-
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez anunciou hoxe no Parlamento que o Goberno galego presentará os Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 antes do mes de decembro. Na súa intervención na Cámara galega para expoñer as liñas xerais de funcionamento do seu departamento, o titular de Facenda e Administración Pública subliñou que a primeira prioridade da Xunta de Galicia é elaborar e aprobar as contas do vindeiro exercicio e por iso “estamos acelerando ao máximo a elaboración dos orzamentos para 2021 e faremos todo o posible para acurtar ao máximo os prazos”, sinalou.
-
No segundo pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR) celebrado tras a irrupción da pandemia, aprobouse unha resolución urxente na que se insta alcanzar rapidamente un acordo sobre o novo instrumento de recuperación, de xeito que se poidan mobilizar con celeridade os recursos para afrontar os efectos negativos da crise e que estes poidan chegar á economía a nivel local. Esta demanda prodúcese nun momento de bloqueo nas negociacións entre o Consello e o Parlamento Europeo debido ás condicións impostas por este último para dar o seu consentimento ao acordo dos líderes europeos sobre o futuro marco financeiro plurianual.
-
O financiamento da economía azul e o Pacto Verde Europeo (European Green Deal) serán os eixos da edición virtual 2020 do Business2Sea, un evento internacional que se desenvolverá do 16 ao 20 de novembro e que está organizado un ano máis polo Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, e o clúster do mar de Portugal, Forum Océano. Esta edición do evento estaba previsto que se celebrase en Vigo pero finalmente desenvolverase en formato virtual ante a alerta sanitaria pola covid-19 e incluirá tanto conferencias relacionadas cos eixos temáticos desta edición, talleres e reunións de proxectos de investigación como as tradicionais curtas do mar e os encontros de negocio.