Noticias
-
Logo de analizar no Consello da Xunta o informe sobre o impacto dos recortes nas cotas de pesca fixadas en Bruxelas para 2021, Feijóo subliñou hoxe que a rebaixa das posibilidades de pesca suporá un impacto duns 26 millóns de euros para a economía galega. O Consello de Ministros de Pesca da UE aprobou a semana pasada recortes nos coñecidos como Totais Admisibles de Captura (TAC) para augas do Cantábrico-Noroeste e, segundo incidiu o presidente da Xunta, a frota galega perde un 7,6% de cota con respecto ao ano 2020”.
-
A Consellería do Mar aprobou axudas a 128 proxectos dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) por valor de máis de 7,3 millóns de euros no marco da convocatoria de 2020 aos proxectos destes grupos. Estas achegas, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), catalizaron nesta convocatoria un investimento total de máis de 12 millóns de euros, ao sumar os preto de cinco millóns de aportación privada. Este foi un dos asuntos tratados hoxe na xuntanza que mantivo por videoconferencia a conselleira do Mar, Rosa Quintana, con representantes dos oito GALP de Galicia e na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez.
-
A conselleira do Mar cualificou o acordo acadado no Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea sobre os totais admisibles de capturas (TAC) e cotas en augas comunitarias para 2021 como sumamente decepcionante pois implica rebaixas en moitas das especies de interese para a frota galega e supón avances moi cativos en relación coa proposta inicial da Comisión Europea, e lamentou que tras tantas horas de negociación e con tantos intereses en xogo non houbese un mellor resultado, especialmente tendo en conta o contexto de pandemia e a incerteza derivada do brexit.
-
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou esta mañá que o estatuto electrointensivo aprobado polo Goberno responde a un criterio territorial e non a unha “verdadeira aposta pola industria”, apuntando que “non só chega tarde, senón que é insuficiente e non dá unha resposta aos grandes consumidores de enerxía no noso país”, que non poden competir en igualdade de condicións con respecto a outros países como Francia ou Alemaña. Tal e como apuntou o conselleiro, “Galicia sae unha vez máis prexudicada fronte a outros territorios”, ao recortarse as axudas á industria da Comunidade.
-
A Xunta de Galicia vén de presentar o Plan de Rescate para os sectores máis afectados pola Covid-19, unha nova convocatoria de axudas para microempresas e autónomos con persoal a cargo, dentro dos que se incluirían tamén establecementos hostaleiros, e que conta cun orzamento de 97 millóns de euros. Ditas axudas poden ser solicitadas ata o 28 de decembro. As contías irán desde os 4.000 ata os 5.000 euros, destinados a aqueles sectores especialmente afectados pola situación derivada da pandemia: lecer nocturno, atraccións de feira, transporte, axencias de viaxes, cines, comidas preparadas para eventos, parques de atraccións, etc.
-
Na categoría de mocidade, a premiada foi a sociedade limitada Fontes de Mané, polo seu campamento turístico Cabanas da Ulla e a súa combinación de servizo de aloxamento con actividade forestal no concello coruñés de Touro. En canto aos proxectos culturais e de recuperación patrimonial, resultou distinguida a iniciativa de recuperación do patrimonio material e inmaterial da aldea de Puxedo, a cargo da asociación de veciños desta aldea de Lobios, en pleno Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés. No apartado de interese social recibiu o premio o centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual Aspadeza.
-
Galicia amplía ata 7,3 puntos o diferencial de débeda coa media autonómica, o máximo histórico, tal e como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo Banco de España. Ademais, o organismo regulador volve situar á Comunidade Autónoma de Galicia como a terceira de réxime común con menor endebedamento de toda España. En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixa máis de medio punto con respecto ao segundo trimestre do ano e sitúase no 19,0% ao peche do terceiro trimestre.
-
O proxecto Galician Skyway, que se enmarca dentro do Polo Aeroespacial de Galicia e que rematou o pasado mes de setembro, supuxo un investimento mobilizado de 10,2 millóns de euros -cofinanciado con fondos Feder do programa operativo crecemento intelixente 2014-2020 (POCInt)- e a creación de 94 empregos. Na realización do mesmo participaron entidades como Enaire, o Inta ou o centro tecnolóxico Gradiant e empresas como Televés, Centum e Soticol.
-
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou hoxe ao Goberno de España un reparto equitativo e equilibrado dos investimentos para que non se agrande a brecha entre o Corredor Mediterráneo e o Corredor Atlántico de Mercadorías. Na súa intervención esta tarde no Pazo do Hórreo, Vázquez Mourelle lamentou que os Orzamentos Xerais do Estado para 2021 non contribúan a paliar o déficit de investimentos no noroeste peninsular nin á vertebración e ao equilibrio territorial.
-
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, xunto co director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, mantivo hoxe un encontro con gandeiros da comarca coruñesa do Xallas, iniciando así unha rolda de xuntanzas para explicar as medidas que a Xunta prevé aplicar deica o ano 2025 ao abeiro da Estratexia de Dinamización do Sector Lácteo Galego. Así mesmo, destacou a normativa galega que regulará a xestión integral das dexeccións gandeiras e as figuras de mobilización que habilitará a futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria, ao abeiro da cal -dixo- se seguirán decretando procesos de reestruturación parcelaria.