Noticias
-
As vendas ao exterior galegas sumaron o ano pasado un total de 20.871,7 millóns de euros, o que supón quedar por cuarto ano consecutivo por enriba dos 20.000M€. Segundo os datos publicados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, a boa evolución de sectores estratéxicos para Galicia como a automoción ou o conserveiro ten permitido a Galicia pechar o 2020 cun mellor comportamento das exportacións que o do conxunto do Estado. Así, na Comunidade as exportacións baixaron o ano pasado un -6% con respecto a 2019, mentres que a media de España é do -10%, catro puntos máis.
-
Rosa Quintana, participou hoxe no Consello Consultivo de Política Pesqueira para Asuntos Comunitarios no que se debateu sobre as negociacións bilaterais das posibilidades de pesca para 2021 nas augas compartidas entre a Unión Europea e o Reino Unido. No marco deste encontro Galicia defendeu unha vez máis o incremento, tanto das cotas provisionais asignadas ao primeiro trimestre do ano como para o conxunto de 2021 nestas augas co obxectivo de compensar outras caídas. Neste sentido, a titular de Mar lembrou que como consecuencia do acordo do brexit o Executivo comunitario cedeu ao Reino Unido o 25% das posibilidades de pesca europeas a cambio do acceso ás augas británicas durante só cinco anos e medio.
-
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación, no Consello da Xunta, do segundo Plan de rescate, dotado con 75 millóns de euros e baixo a previsión de abrir a próxima semana o prazo de solicitudes. Cómpre salientar que as axudas do segundo plan de rescate son compatibles e acumulables coas do primeiro, en virtude do cal se aboaron máis de 33.605 axudas en tempo récord, por un importe de 69 millóns de euros. “Todas as axudas que cumpriron os requisitos foron pagadas”, incidiu. Nesta liña, como exemplo, precisou que o 60% desta cantidade foi destinada ás axudas solicitadas polo sector da hostalería, en concreto, 38,8 millóns de euros.
-
Publicada a orde que simplifica a comunicación, por parte dos empresarios da Comunidade, do cambio de modalidade nos seus Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) –de forza maior de impedimento ao de forza maior de limitacións da actividade e viceversa- e evitar que teñan que cursar unha nova solicitude. Deste modo, a Administración autonómica, como Autoridade Laboral competente na tramitación dos expedientes, facilita que os empresarios con traballadores en ERTE poidan adaptar os seus expedientes ás cambiantes medidas sanitarias aprobadas en cada momento polas autoridades.
-
O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, compareceu na Comisión 7ª do Parlamento para explicar polo miúdo as claves do novo Plan Forestal de Galicia (PFG), que está a ser avaliado pola Cámara antes de volver ao Consello da Xunta para a súa aprobación definitiva e entrada en vigor, que está prevista ao longo do primeiro semestre deste ano. Chan destacou que esta revisión se asenta nos compromisos en materia de transición verde, biodiversidade, neutralidade climática e consumo responsable. Así, a súa misión é acadar o desenvolvemento socioeconómico sustentable do medio rural para xerar emprego e economía baixa en carbono.
-
Galicia, pese aos efectos que a pandemia está a causar no mercado laboral, iniciou o ano cunha baixada do paro do 1,90% (-3.603 persoas) e cun aumento da contratación indefinida e a tempo completo con respecto a decembro de 2020. De feito, Galicia lidera a caída do paro no Estado na comparativa mensual e é unha das dúas comunidades, xunto con Baleares, nas que baixa o desemprego, mentres que en España medra (+1,96%). En canto ás afiliacións á Seguridade Social, a cifra sitúase a un nivel superior ao reflectido hai dez anos (xaneiro 2011).
-
O conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, reclamoulle ao Goberno central máis carga de traballo a curto prazo para Navantia ata o inicio da construción das fragatas e executar os investimentos do Estaleiro 4.0 para facer máis competitivas as instalacións. 'A principal prioridade que ten Ferrol nestes momentos é carga de traballo para Navantia, non só pola implicación directa no estaleiro, senón pola implicación na industria auxiliar', subliñou o vicepresidente económico, quen incidiu en que os Ministerios de Facenda e Defensa deben achegar a solución de forma inmediata porque 'ata a chegada das fragatas as gradas están baleiras e a industria auxiliar está perdendo carga de traballo'.
-
Estas contas públicas son as máis altas da historia da Xunta e acadan os 11.563 millóns de euros, aos que hai que engadir 101 millóns no capítulo VIII de instrumentos financeiros. Reforzan o gasto social que ascende a 8.540 millóns de euros, e inclúen a cifra récord de 2.592 millóns destinados a investimento produtivo. Ademais, non suben os impostos nin ás familias nin ás empresas e consolidan as rebaixas fiscais aprobadas nos últimos anos. Deste xeito, máis de 115.000 familias beneficiaranse de novo das rebaixas de impostos aprobadas pola Xunta desde 2016.
-
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, amosou hoxe o seu optimismo ante a receptividade do presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, aos proxectos galegos que optan aos fondos europeos Next Generation. Durante a xuntanza mantida hoxe, no Palacio da Moncloa, Feijóo trasladou todo o traballo feito pola Comunidade, con especial fincapé nos proxectos tractores que xa se coñecen, relacionados coa construción dunha planta de produción de fibras téxtiles; coa posta en marcha dunha planta de economía circular para a xestión de residuos orgánicos; co impulso do polo aeroespacial de Galicia; co proxecto da automoción galega; e coa fabricación de vacinas nos laboratorios Zendal.
-
O director do Igape, Fernando Guldrís, destacou hoxe en Santiago de Compostela a recuperación que se está a percibir nas exportacións galegas desde que a aparición da covid-19 en España provocou unha relevante caída das vendas no exterior. Así, os resultados no período de xaneiro a novembro de 2020 confirman a mellora na última parte do ano con respecto á primeira etapa da pandemia e que, aínda que as exportacións seguen a ser inferiores que no mesmo período de 2019 nun 7,1% –a nivel estatal a caída é do -10,9%–, a diferenza vaise reducindo desde o descenso do 24,5% rexistrado entre xaneiro e maio.